jueves, 19 de mayo de 2022

CONVOCATORIA PROCEDEMENTO ADXUDICACIÓN DE ESTADÍAS E SERVIZOS NAS RESIDENCIAS DE TEMPO LIBRE ADSCRITAS A CONSELLERIA DE POLITICA SOCIAL

 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL

ORDE do 10 de maio de 2022 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de estadías e servizos nas residencias de tempo libre adscritas a esta consellería no ano 2022 (código de procedemento BS419A).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto convocar o procedemento de adxudicación de estadías e servizos para o ano 2022 nas residencias de tempo libre de Panxón e do Carballiño, sitas nas localidades de Panxón-Nigrán (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense), respectivamente, e adscritas á Consellería de Política Social.
O código deste procedemento de adxudicación é o BS419A e comprende exclusivamente as estadías e servizos reflectidas no anexo III, cuxa adxudicación corresponde á Consellería de Política Social.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias todas as persoas maiores de idade que formen parte da unidade familiar e as persoas menores sempre que vaian en compañía das persoas proxenitoras, persoas titores/as legais e que teñan a súa residencia en territorio español. Igualmente, poderán acollerse a esta orde os galegos e galegas residentes no exterior.
Non se admitirán as solicitudes que inclúan persoas que gozasen dalgunha quenda na mesma residencia nalgunha das dúas convocatorias anteriores.

Distribución das prazas
As residencias de tempo libre de Panxón e do Carballiño dispoñen para cada quenda do número de prazas fixadas no anexo III.
Enténdese por praza a ocupación por persoa usuaria que admite a residencia en cada quenda. As prazas das residencias distribuiranse en cuartos dobres, triplos e cuádruplos. A residencia do Carballiño dispón tamén de cuartos individuais.

Tipos de servizo
1. Os servizos que se prestan nestas residencias no ano 2022 comprenderán o aloxamento e o mantemento en réxime de pensión completa durante a quenda adxudicada ás persoas beneficiarias residentes, como se indica:
a) Servizo de aloxamento: inclúe a limpeza diaria.
b) Servizo de comedor: en réxime de pensión completa que comprende o almorzo, o xantar e a cea.
2. O servizo de comedor ofrece un menú único, sen prexuízo da atención de solicitudes de dietas individualizadas derivadas de prescrición médica, alerxias ou intolerancias alimentarias.

Prezos
Os prezos para as estadías e servizos ofertadas na presente convocatoria serán os previstos no Decreto 84/2012, do 16 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre, actualizados pola Orde do 4 de xuño de 2013 pola que se actualizan os prezos públicos determinados no Decreto 84/2012, do 16 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre.

Presentación de solicitudes, lugar e prazo
1. Cada unidade familiar poderá solicitar, a través da persoa que a represente, as estadías e servizos para calquera das dúas residencias de tempo libre adscritas á Consellería de Política Social e para unha ou varias quendas que se detallan no anexo III, para o que debe achegar a solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo I.
Para os efectos desta orde, enténdese por unidade familiar a formada pola/s persoa/s adulta/s e, de ser o caso, as fillas e os fillos e persoas maiores que convivan coa persoa solicitante.
Así mesmo, terán a consideración de fillos e fillas as persoas en situación de garda con fins adoptivos e en acollemento familiar.
2. As solicitudes dirixiranse á Xefatura Territorial de Ourense, no caso de solicitar as estadías e servizos na residencia de tempo libre do Carballiño, e á Xefatura Territorial de Vigo, no caso de solicitar as estadías e servizos na residencia de tempo libre de Panxón. Para o caso de solicitar estadías e servizos en ambas as dúas residencias, estas poderán dirixirse a calquera das anteditas xefaturas territoriais. No caso de que se soliciten estadías e servizos para ambas as residencias, resolverá a xefatura territorial correspondente á cada unha das residencias. No caso de ser admitido nas dúas residencias na mesma quenda, terase en conta a orde de preferencia indicada na solicitude.




As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal




Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.




Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).




3. O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles. Este prazo comezará a computar desde o día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.