AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS
Finalidade
Establecer e aprobar as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións establecidas pola Agadic para impulsar o desenvolvemento da programación de carácter profesional, das salas de artes escénicas de titularidade privada e así fomentar a súa estabilidade e consolidación e aprobar a convocatoria para o ano 2022.
Persoas beneficiarias
Poderán acceder ás axudas as persoas físicas (autónomas) e xurídicas xestoras de salas de artes escénicas de titularidade privada, sempre que se dean as seguintes circunstancias:
a) A persoa solicitante deberá probar a dispoñibilidade da sala mediante copia de escritura, contrato de alugueiro ou calquera documento válido en dereito.
b) A persoa solicitante deberá estar en posesión da correspondente licenza de apertura da sala para poder desenvolver a axuda que solicita.
c) A sala deberá ter unha capacidade igual ou inferior a 150 localidades.
d) A persoa solicitante deberá acreditar que a sala para a cal solicita a axuda realizou un mínimo de 30 representacións no ano 2021.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.