jueves, 31 de marzo de 2022

PROGRAMA DE INCENTIVOS PARA A IMPLANTACIÓN DE INSTALACIÓNS DE ENERXÍAS RENOVABLES TÉRMICAS EN DIFERENTES SECTORES DA ECONOMÍA

AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2022 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en diferentes sectores da economía, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento IN422N).

Finalidade
1. A presente resolución ten por obxecto a aprobación da convocatoria de axudas correspondente ás anualidades 2022-2023 para o programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en diferentes sectores da economía de acordo coas bases reguladoras previstas no Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro (publicado no BOE núm. 305, do 22 de decembro) código de procedemento IN422N.
2. Pola presente resolución convócanse axudas para as seguintes actuacións:
Programa de incentivos 1: realización de instalacións de enerxías renovables térmicas nos sectores industrial, agropecuario, servizos e outros sectores da economía incluíndo o sector residencial.
3. Dado o carácter incentivador do programa de incentivos 1, só se admitiran os proxectos iniciados con posterioridade á data de presentación da solicitude de axuda, en aplicación do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014.
4. As actuacións subvencionadas atenderán ao principio de «non causar dano significativo» a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, de 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sostibles, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088.

Beneficiarios
1. Serán destinatarios últimos das axudas os suxeitos que se enumeran nos seguintes puntos, sempre que realicen unha actividade económica pola que ofrezan bens ou servizos no mercado:
a) Persoas físicas que deberán estar dadas de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria.
b) Persoas xurídicas.
c) Calquera entidade do sector público institucional de calquera administración pública a que se refire o artigo 2.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como as entidades de dereito privado ou organizacións privadas sen ánimo de lucro.
d) Agrupacións, asociacións, consorcios ou calquera outra forma de colaboración de calquera das figuras dos tres puntos anteriores, con ou sen personalidade xurídica.
2. Non serán beneficiarios destas axudas:
a) Aqueles en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) As empresas que se atopen en situación de crise, conforme a definición que, para estes efectos, se realiza no Regulamento UE 651/2014, do 17 de xuño de 2014, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión, 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014).
c) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.
3. Non poderán considerarse actuacións subvencionables mediante estas axudas as que se realicen por calquera dos destinatarios últimos previstos neste artigo:
a) No sector dos produtos da pesca e da acuicultura tal e como se recolle no punto 3 do artigo 1 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.
b) En proxectos situados en ningunha das fases de fabricación de combustibles que estean suxeitos a un sistema nacional de obrigas no ámbito do transporte.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará as 9.00 horas do día 20 de abril de 2022 e rematará o 31 de decembro de 2023, ao ser inhábil, prorrógase ata o 2 de xaneiro de 2024.

Prazos de execución e xustificación das actuacións
O prazo máximo de execución e xustificación das actuacións será de 18 meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión.