miércoles, 30 de marzo de 2022

(E-MARTES) SOBRE SISTEMAS PARA A CONTRATACIÓN PÚBLICA

 ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 21 de marzo do 2022 pola que se convoca, no marco da iniciativa Universo EGAP Innova, a xornada de formación práctica dixital (E-martes) sobre sistemas para a contratación pública.

Obxectivos
O Universo EGAP Innova é un proxecto multidisciplinar e transversal da Escola Galega de Administración Pública que se desenvolve co obxectivo principal de contribuír, a través de novas prácticas formativas que implican a participación do alumnado, á autoxestión da aprendizaxe e a identificación de novas oportunidades, á innovación e ao cambio nas administracións públicas.
Ao abeiro desta iniciativa, os E-martes teñen como finalidade proporcionar formación práctica presencial ao persoal empregado público da Administración autonómica galega e á cidadanía nas transformacións tecnolóxicas, organizativas e lexislativas derivadas da Administración electrónica.

Contidos
A xornada de formación práctica dixital (E-martes) que se desenvolverá o día 19 de abril de 2022 abordará os seguintes contidos:
• A plataforma de contratos públicos de Galicia (CPG).
• Como facer unha presentación electrónica das ofertas a través do Sistema de licitación electrónica da Xunta de Galicia (Silex).
• O xestor de expedientes de contratación (Plation).
• Como darse de alta no Rexistro Xeral de Contratistas (RXC).
• Como presentar unha factura electrónica a través do Sistema electrónico de facturación (SEF) da Xunta de Galicia.
Os dous grupos de persoas destinatarias participarán de xeito conxunto na parte teórica da formación, que na súa parte práctica se adaptará aos requirimentos específicos de cada grupo de destinatarios.

Persoas destinatarias
As persoas destinatarias desta actividade son:
• O persoal empregado público en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, dos seus entes públicos instrumentais e da Administración institucional. Neste grupo de persoas destinatarias priorizarase a inscrición daquelas persoas solicitantes que poidan xustificar debidamente que as súas funcións están directamente relacionadas coa materia impartida.
• A cidadanía: profesionais e persoas interesadas na materia impartida.

Desenvolvemento
Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.
Data: o martes 19 de abril de 2022.
Horario: de mañá e tarde.
Duración: 7 horas lectivas.

Número de prazas
Cincuenta (50).

Inscrición
1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e requisitos de selección establecidos na bases terceira e oitava respectivamente. En concreto, deberán indicar correctamente o colectivo de persoas destinatarias ao cal pertencen (Administración autonómica, para o persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, dos seus entes públicos instrumentais e da Administración institucional, ou cidadanía, no caso de non ser persoal empregado público).
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e despois seleccionar en Nome do curso a Xornada de formación práctica dixital (E-martes) sobre sistemas para a contratación pública.
5. O prazo para a inscrición nesta actividade estará habilitado desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 6 de abril de 2022.
Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.