jueves, 10 de marzo de 2022

CONDICIÓNS DE ADHESIÓN DAS EMPRESAS TURÍSTICAS AO PROGRAMA BONO TURÍSTICO #QUEDAMOSENGALICIA22

 AXENCIA TURISMO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2022 pola que se determinan as condicións de adhesión das empresas turísticas ao programa Bono turístico #QuedamosenGalicia22 e se abre o prazo para a presentación das solicitudes de participación (código de procedemento TU985C).

Obxecto
O obxecto desta resolución é establecer o procedemento e as condicións que deben reunir os establecementos turísticos de aloxamento e as axencias de viaxes para participar no programa Bono turístico 2022 #QuedamosenGalicia (código de procedemento TU985C).

Requisitos dos solicitantes
Poderán solicitar a súa adhesión aquelas empresas, empresarios ou agrupacións empresariais que dispoñan de aloxamentos, excepto as vivendas de uso turístico, e tamén as axencias de viaxe que, con independencia do lugar en que radique a súa sede social, desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia e presten os servizos, actividades ou produtos vinculados a este programa na Comunidade Autónoma de Galicia.
Todas estas empresas deberán estar dadas de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación desta convocatoria, ter coñecemento da sinatura que se lles proporcionou no momento da alta no citado rexistro e dispoñer de TPV con número de comercio que os identifiquen no servizo de pagos, para a execución das correspondentes operacións de pagamento efectuadas coas ditas tarxetas.

Duración da prestación
Os servizos, actividades ou produtos turísticos poden prestarse desde o día da entrega pola entidade colaboradora da tarxeta prepagamento aos beneficiarios e ata o 31 de decembro de 2022, día en que este programa quedará extinguido.

Incompatibilidade
O programa Bono turístico 2022 #QuedamosenGalicia é incompatible con outros programas similares desenvolvidos pola Axencia Turismo de Galicia, polo que esta tarxeta prepagamento non poderá utilizarse para a adquisición de produtos e servizos incluídos noutros programas distintos deste.

Prazo e forma de presentación das solicitudes
1. O prazo de presentación das solicitudes de adhesión das empresas turísticas estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 1 de decembro de 2022.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, despois de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. As empresas solicitantes deberán declarar responsablemente, segundo o modelo do anexo I, o seguinte:
– Que todos os datos que se achegan na solicitude son certos.
– Que cumpre e asume todos os requisitos e condicións recollidos na resolución para a adhesión ao programa.
– Que procede a rexistrar na plataforma Turespazo a súa oferta ou, no caso das axencias de viaxe, o seu paquete turístico,
– Que procede a rexistrar na plataforma Turespazo os números dos códigos que identifican cada un dos TPV de que dispón o establecemento e que se poñen á disposición dos beneficiarios do Bono turístico 2022 para efectuar os pagamentos coa tarxeta prepagamento específica deste programa.
4. Ademais da solicitude de participación, sinalada nas epígrafes anteriores, as empresas que se presenten deberán rexistrarse na plataforma Turespazo, no caso que non o estean, no enderezo https://turespazo.turismo.gal
As empresas que se adhiran ao programa poderán presentar nesta plataforma as súas ofertas específicas de:
– Aloxamentos/servizos ou produtos específicos que se oferten, se é o caso, para a promoción do programa.
– Paquetes turísticos, no caso das axencias de viaxe.
As ditas ofertas e paquetes aparecerán na web de Turismo de Galicia nun lugar destacado só para coñecemento dos beneficiarios do programa.
O Clúster de Turismo colaborará coa Axencia Turismo de Galicia nas relacións coas empresas que soliciten a adhesión ao programa, a través do asesoramento e resolución de dúbidas na operativa do programa.