lunes, 21 de marzo de 2022

AXUDAS A ACTIVIDADES DE PROMOCIÓN DA IGUALDEDE E DE PREVENCIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO PARA ASOCIACIÓNS DE NAIS E PAIS DO ALUMNADO DE CENTROS EDUCATIVOS DE GALICIA

 CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE

RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiada en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento SI449B).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva ás asociacións de nais e pais de alumnos/as (ANPAS) legalmente constituídas e ás federacións ou confederacións de ANPAS, dos centros educativos sustentados con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de programas de actividades de promoción da igualdade ente mulleres e homes e de prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres, dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios e/ou ás familias, ANPAS e á comunidade educativa, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Persoas beneficiarias
1. Solicitude individual: poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de nais e pais de alumnado (ANPAS) dos centros educativos sustentados con fondos públicos que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no rexistro de asociacións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.
2. Solicitude conxunta: tamén poderán ser entidades beneficiarias as federacións e confederacións de asociacións de nais e pais e a solicitude de dúas ou máis ANPAS que se agrupen para solicitar e xestionar conxuntamente as actuacións obxecto desta convocatoria que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no rexistro de asociacións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo. O requisito de constitución legal e de inscrición terá que ser acreditado por todas as entidades que se inclúan na modalidade conxunta.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.