jueves, 24 de marzo de 2022

SUBVENCIÓNS A FESTIVAIS DE ARTES ESCÉNICAS E DE MÚSICA PARA 2022

 AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases xerais de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e de música, e se aproba a convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT213A).

Finalidade
Establecer e aprobar as bases reguladoras das subvencións para o apoio a festivais de artes escénicas e de música de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e aprobar a súa convocatoria para o ano 2022.

Persoas beneficiarias
1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea, ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran as condicións e os criterios establecidos nestas bases. Para a modalidade B (festivais de artes escénicas), poderán presentarse, ademais, as entidades locais galegas.
2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.
3. Será requisito para a concesión de subvencións ás entidades locais que estas cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.
4. As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas da Agadic se non cumpren coa obriga de presentarlle as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
5. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursas en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.