INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO
Obxecto
Esta resolución ten por obxecto convocar o Programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas, previsto no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, coa finalidade de financiar actuacións ou obras de mellora da eficiencia enerxética nas vivendas, para a anualidade 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI406E).
Persoas beneficiarias
1. Ao abeiro do artigo 41 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, poderán ser beneficiarias das axudas as persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias de vivendas.
2. As persoas beneficiarias das axudas poderán facultar e autorizar, mediante o correspondente acordo, que un axente ou xestor da rehabilitación actúe por conta daquelas.
O axente ou xestor da rehabilitación é aquela persoa física ou xurídica, ou entidade pública ou privada que poida realizar actuacións de impulso, seguimento, xestión e percepción de axudas públicas, mediante mecanismos de cesión do dereito de cobramento ou similares, acceso ao financiamento, elaboración de documentación ou proxectos técnicos ou outras actuacións necesarias para o desenvolvemento das actuacións subvencionables, ao abeiro do artigo 8 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro.
3. As persoas beneficiarias e, de ser o caso, o axente ou xestor da rehabilitación que actúe por conta daquelas, destinarán o importe íntegro da axuda ao pagamento das correspondentes actuacións.
Prazo de presentación de solicitudes
As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución ata o 14 de outubro de 2022, agás que, con anterioridade, se esgotase o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.