CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE
Obxecto
Convocar, con carácter gratuíto, cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega (Celga), niveis 1, 2, 3 e 4, con código de procedemento administrativo PL600A.
Os cursos que se convocan na modalidade presencial relaciónanse no anexo II (niveis Celga 3 e 4) e os que se convocan na modalidade en liña relaciónanse no anexo III (niveis Celga 1, 2, 3 e 4).
Persoas destinatarias
1. Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga) poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen mellorar o seu coñecemento e dominio do galego e preparar as probas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca periodicamente para certificar a competencia nesta lingua.
2. No caso dos cursos en liña, as persoas solicitantes deberán dispoñer dun equipamento informático que cumpra, como mínimo, os seguintes requisitos técnicos:
– Un ordenador con conexión á internet.
– A conta de correo electrónico especificada na solicitude.
– Un micrófono ou calquera medio alternativo que permita a gravación de voz.
Como navegador web, recoméndase ter instalada a última versión de Firefox.
3. Para solicitar un curso en liña de Celga 2, Celga 3 ou Celga 4 será requisito indispensable o seguinte:
a) Se se solicita un curso destinado á poboación que reside en Galicia, a persoa deberá estar empadroada nalgún dos concellos da provincia galega correspondente.
b) Se se solicita un curso destinado ao resto da poboación, a persoa deberá estar empadroada fóra de Galicia.
Solicitudes e prazo
1. Para conseguir o rendemento axeitado e o aproveitamento do curso hai que procurar a homoxeneidade dos coñecementos do alumnado. Polo tanto, á hora de formular a solicitude dun curso dun determinado nivel Celga, deberase ter en conta a definición de contidos previstos na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 146, do 30 de xullo (corrección de erros no DOG núm. 178, do 13 de setembro).
2. No caso dos cursos presenciais:
As persoas que desexen participar nestes cursos deberán cubrir o formulario de solicitude, segundo o modelo PL600A, que se publica como anexo I, e dirixilo á xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da provincia que corresponda. Os formularios de solicitude estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal.
No caso de que unha persoa precise apoio para realizar o curso presencial por mor dunha discapacidade, indicará na súa solicitude o apoio concreto que necesita, cuxa concesión será valorada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. No caso dos cursos en liña:
As persoas que desexen participar nestes cursos deberán cubrir o formulario de solicitude, segundo o modelo PL600A, que se publica como anexo I, e dirixilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os formularios de solicitude estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal.
En aplicación do previsto no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), e do artigo 10.2 da Lei 4/2019, de administración dixital de Galicia (DOG núm. 141, do 26 de xullo), as persoas que desexen participar nun destes cursos en liña deben dispoñer dun equipamento informático cos requisitos técnicos sinalados no punto 2.2, o que implica que contan coa capacidade técnica para acceder e dispoñer dos medios electrónicos necesarios. Polo tanto, as solicitudes dos cursos en liña presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. Só se poderá presentar unha única solicitude e solicitar un único curso por persoa, aínda que sexan de modalidades distintas. De existir máis dunha solicitude da mesma persoa ou de solicitar esta máis dun curso, anularanse todas as súas peticións.
5. O prazo para presentar as solicitudes será de 15 días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.