jueves, 11 de febrero de 2021

AXUDAS DESTINADAS A FINANCIAR ACTIVIDADES DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE E DE PREVENCIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO PARA AS ASOCIACIÓNS DE NAIS E PAIS DO ALUMNADO DE CENTROS EDUCATIVOS DE GALICIA

 CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE

RESOLUCIÓN do 8 de xaneiro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiadas en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento SI449B).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva ás asociacións de nais e pais de alumnos/as (anpas) legalmente constituídas e ás federacións ou confederacións de anpas, dos centros educativos sustentados con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de programas de actividades de promoción da igualdade ente mulleres e homes e de prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres, dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios e/ou ás familias, anpas e á comunidade educativa, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Entidades beneficiarias
1. Solicitude individual: poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de nais e pais de alumnado (anpas) dos centros educativos sostidos con fondos públicos que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.
2. Solicitude conxunta: tamén poderán ser entidades beneficiarias as federacións e confederacións de asociacións de nais e pais e a solicitude de dúas ou máis anpas que se agrupen para solicitar e xestionar conxuntamente as actuacións obxecto desta convocatoria que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo. O requisito de constitución legal e de inscrición terase que acreditar por todas as entidades que se inclúan na modalidade conxunta.
3. Ademais, as entidades solicitantes deberán cumprir, en todo caso, ademais dos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 respectivamente da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os seguintes:
a) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
b) Non atoparse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da entidade interesada.
4. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.