viernes, 19 de febrero de 2021

PROGRAMA IGNICIA PROBA DE CONCEPTO

 AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2021 pola que se establecen as condicións xerais do programa Ignicia proba de concepto e se realiza a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento IN855A).

Convocatoria e condicións xerais
1.Esta resolución ten por obxecto aprobar as condicións xerais polas cales se rexerá o programa Ignicia proba de concepto, que ten como finalidade pór en valor e apoiar o desenvolvemento das aplicacións comerciais da investigación xerada polos centros de coñecemento, de acordo co previsto no artigo 31 da Lei galega 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e innovación.
Constitúese, polo tanto, cos seguintes obxectivos:
a) Facilitar a transferencia de resultados de investigación desde organismos de investigación ao mercado.
b) Acelerar e mellorar os resultados nos procesos de transferencia tecnolóxica.
c) Contribuír á rendibilización económica e social do investimento público en investigación.
d) Internacionalizar a función de transferencia da tecnoloxía.
e) Detectar con prontitude proxectos con potencial innovador e de mercado.
2. Así mesmo, por medio desta resolución realízase a convocatoria para o ano 2021 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento IN855A).
Fases do programa
O programa Ignicia proba de concepto estrutúrase en tres fases:
I. Fase de maduración.
II. Fase de investimento.
III. Fase de seguimento.
I. Fase de maduración:
Nesta fase os proxectos de investigación presentados recibirán asesoramento e serán avaliados por expertos nacionais e internacionais. Aqueles proxectos que superen a segunda avaliación recibirán información e recomendacións sobre o estado de madureza do proxecto desde un punto de vista científico e de negocio, o que permitirá o acceso daqueles finalmente seleccionados á fase de investimento.
II. Fase de investimento:
Nesta fase os proxectos de investigación propostos polo Comité de Investimentos recibirán, por parte da Axencia Galega de Innovación e nos termos establecidos nesta convocatoria, apoio económico destinado á valorización comercial dos resultados da investigación, a través dunha atribución patrimonial onerosa, para a realización das seguintes tarefas:
a) Validación industrial da tecnoloxía.
b) Validación comercial e desenvolvemento de negocio.
c) Calquera outra actividade orientada á transferencia ao mercado dos resultados de investigación.
III. Fase de seguimento:
Esta fase ten como finalidade o seguimento dos investimentos aprobados, a comprobación do cumprimento dos seus fitos e a proposta de modificacións ou o inicio, de ser o caso, do correspondente expediente de recuperación dos investimentos, así como do seguimento dos retornos xerados pola comercialización dos resultados dos proxectos.

Beneficiarios
Poderán ser promotores de proxectos e participar na presente convocatoria os organismos de investigación e difusión de coñecementos (públicos e/ou privados sen ánimo de lucro) con centros de traballo en Galicia.
Considéranse organismos de investigación e difusión de coñecementos, segundo a definición do artigo 2.83 do Regulamento (UE) 651/2014, toda entidade (por exemplo, universidades, fundacións ou institutos de investigación, centros tecnolóxicos ou de investigación...), independentemente da súa personalidade xurídica ou forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar de xeito independente investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental ou difundir amplamente os seus resultados mediante o ensino, a publicación ou a transferencia de coñecementos; cando unha entidade deste tipo leve a cabo tamén actividades económicas, o financiamento, os custos e os ingresos das ditas actividades deberán contabilizarse por separado.

Requisitos dos proxectos
1. O programa apoiará aqueles proxectos que aborden probas ou actuacións posteriores á obtención do resultado de investigación que se pretende explotar e que permitan validar unha tecnoloxía en condicións reais ou cuasireais.
2. Os proxectos presentados deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar situados nun TRL4 ou superior.
Os TRL ou Technology Readiness Levels refírense aos niveis de madureza dunha tecnoloxía. De acordo co sistema TRL, considéranse nove niveis que se estenden desde os principios básicos da nova tecnoloxía ata chegar ás súas probas con éxito nunha contorna real:
TRL1: principios básicos observados e reportados.
TRL2: conceptos e/ou aplicación tecnolóxica formulada.
TRL3: función crítica, analítica e experimental, e/ou proba do concepto característica.
TRL4: validación de compoñente e/ou disposición deles en contorna de laboratorio.
TRL5: validación de compoñente e/ou disposición deles nunha contorna relevante.
TRL6: modelo de sistema ou subsistema ou demostración de prototipo nunha contorna relevante.
TRL7: demostración de sistema ou prototipo nunha contorna real.
TRL8: sistema completo e certificado a través de probas e demostracións.
TRL9: sistema probado con éxito nunha contorna real.
b) Ter a capacidade de xerar resultados con aplicación na sociedade; estes resultados deberán ter potencial comercial e xerar retornos suficientes de acordo coas bases desta convocatoria, independentemente do prazo en que estes se produzan.

Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderse que o prazo expira o derradeiro día do mes.
3. O formulario de solicitude incluirá unha declaración expresa de aceptación, por parte da entidade solicitante, das condicións e obrigas do programa Ignicia proba de concepto recollidas nesta resolución.