miércoles, 17 de febrero de 2021

AXUDAS EXTRAORDINARIAS E DE REFORZO COVID-19 A PERSOAS EMIGRANTES GALEGAS RETORNADAS 2021

VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E TURISMO

RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias e as de reforzo COVID-19 a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PR905A).

Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de dúas liñas de axudas non periódicas, dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas á Comunidade Autónoma de Galicia que carezan dos recursos suficientes:
– Liña 1 «Axudas extraordinarias»: teñen por finalidade axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do retorno.
– Liña 2 «Axudas reforzo COVID-19»: teñen por finalidade apoiar a unidade familiar polas dificultades de inserción sociolaboral no contexto actual de pandemia.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as seguintes persoas que, residindo fóra de España con nacionalidade española, establezan a súa residencia na Comunidade Autónoma galega:
a) As persoas galegas e nacidas en Galicia.
b) Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal das persoas galegas e nacidas en Galicia.
c) Os descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.
Todas as persoas beneficiarias deberán acreditar estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno e ter a súa residencia actual en Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2021 incluído.