lunes, 27 de julio de 2020

BONO CONCILIA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
Establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, para a atención educativa de nenas e nenos de 0 a 3 anos, nas modalidades establecidas no artigo 4.2, en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia (procedemento BS403A), e convocalas para o curso 2020/21.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono concilia as familias residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren nos supostos seguintes:
a) Ter un fillo ou filla nado ou nada con posterioridade ao 31 de decembro de 2017 e que non cumpra os requisitos para acceder ao programa de gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as.
b) Estar en calquera das circunstancias seguintes:
1º. Ter solicitado praza en calquera das escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2020/21 e non obtela, sempre que se exercese a opción do programa Bono concilia.
2º. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2020/21 exercendo a opción do programa Bono concilia e que, tendo dereito por puntuación a unha praza, o horario demandado non coincida co de apertura da escola infantil, porque ambos/as proxenitores/as traballan en quenda de tarde ou en quendas rotativas, circunstancia que se acreditará documentalmente.
3º. Obter praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2020/2021 e que se modifiquen considerablemente as condicións en que esta foi concedida.
4º. Ter obtido axuda deste programa no curso 2019/20 e solicitala para a mesma nena ou mesmo neno.
5º. Residir en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.
c) Escolarizar o neno ou nena nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos que conte coa autorización pertinente segundo o establecido no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais en Galicia.
2. Para os efectos da orde, enténdese por escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos: as escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e as escolas infantís 0-3 dependentes das entidades privadas de iniciativa social que reciban axudas da Xunta de Galicia para mantemento do centro.

Prazo de presentación de solicitudes
1.O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
2. Con carácter excepcional, poderán presentarse solicitudes pasado o prazo ordinario establecido no número 2 e con data límite do 31 de outubro de 2020, nos seguintes supostos:
a) As familias que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos nas cales se producira un nacemento, acollemento ou adopción da nena ou neno con posterioridade á finalización do dito prazo.
b) As mulleres vítimas de violencia de xénero que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos ás cales se lles expedise a documentación acreditativa desta condición con posterioridade á finalización do dito prazo.
c) As galegas e os galegos que retornasen a Galicia durante o ano 2020, que residisen fóra de España, sempre que o dito retorno se producise con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes e para un concello onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.