CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL
Obxecto
1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas para residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e convocalas para o curso académico 2020/21, en réxime de concorrencia competitiva.
2. O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias é a seguinte:
Cidade Residencia Núm. prazas
Lugo Centro Residencial Xuvenil LUG 74 home/muller
Ourense Florentino López Cuevillas 55 home/muller
Vigo Altamar 87 home/muller
3. Do total de prazas resérvase un 9 % de prazas para as persoas solicitantes que desempeñen unha actividade profesional, tanto por conta propia como allea, distribuídas do seguinte xeito:
Cidade Residencia Núm. de prazas
Lugo Centro Residencial Xuvenil LUG 7 home/muller
Ourense Florentino López Cuevillas 5 home/muller
Vigo Altamar 8 home/muller
No suposto de que non se cubran todas as prazas reservadas a persoas que desenvolvan unha actividade profesional coas solicitudes presentadas en prazo, as prazas restantes ofertaranse a estudantes.
4. Así mesmo, do total de prazas resérvase tamén un 9 % para o caso de mozas que sufran violencia de xénero ou para mozos e mozas cuxas proxenitoras a sufrisen. A distribución de prazas é:
Cidade Residencia Núm. de prazas
Lugo Centro Residencial Xuvenil LUG 7 home/muller
Ourense Florentino López Cuevillas 5 home/muller
Vigo Altamar 8 home/muller
No suposto de que non se cubran todas as prazas coas solicitudes presentadas en prazo, as prazas restantes ofertaranse a estudantes.
5. Os códigos de procedemento administrativo son BS303B (prazas de residencias xuvenís para estudantes) e BS303D (prazas de residencias xuvenís para persoas traballadoras).
6. Con este procedemento póñense as residencias xuvenís ao servizo da mocidade que, por razóns de estudo ou traballo, se vexa obrigada a permanecer fóra do concello onde ten a súa residencia habitual.
Requisitos das persoas solicitantes
1. Poderán optar ás prazas nas residencias xuvenís as persoas que reúnan os seguintes requisitos xerais:
a) Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro/a residente en España no momento de presentación da solicitude.
b) Non ter perdido a condición de residente en convocatorias anteriores por causa imputable á persoa solicitante.
c) Ter feitos os 16 anos e non superar os 30 en data 31 de decembro do ano da presente convocatoria.
2. Requisitos específicos para as persoas solicitantes estudantes:
a) Cursar estudos de formación profesional ou ciclos formativos, de bacharelato, estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente, e estudos de másteres universitarios oficiais.
Exceptúase do anterior a realización de estudos universitarios nos cales a persoa solicitante non obteña a nota de corte ou puntuación académica mínima exixida para o ingreso nas facultades ou escolas universitarias da localidade de residencia habitual.
b) No concello onde radique a súa residencia habitual non exista oferta de centros públicos para realizar o curso, nivel ou grao correspondente aos estudos que vaia cursar a persoa solicitante.
3. Requisitos específicos para as persoas solicitantes traballadoras:
a) Que o lugar de traballo teña o enderezo nun concello distinto ao lugar de residencia habitual da persoa solicitante.
b) No caso de que a relación de traballo non sexa fixa ou indefinida, que teña unha duración mínima de tres meses contados desde a data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
c) No caso de ser unha persoa traballadora por conta propia, será necesario que estea dada de alta no réxime de traballadores/as autónomos/as da Seguridade Social, con anterioridade á publicación da presente convocatoria.
Presentación de solicitudes
1. As persoas solicitantes que estean cursando estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente ou estudos de másteres universitarios oficiais, as persoas solicitantes traballadoras por conta propia e as persoas solicitantes traballadoras por conta allea que sexan empregadas das administracións públicas están obrigadas a presentar a súa solicitude por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (anexo I).
Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, e sempre que o prazo de presentación non rematase, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. En todo caso, a solicitude non será admitida a trámite se a presentación electrónica se realiza despois de rematado o prazo de presentación de solicitudes.
2. As persoas solicitantes que estean cursando estudos de formación profesional ou ciclos formativos ou de bacharelato, e as persoas solicitantes traballadoras por conta allea, non obrigadas á presentación electrónica, presentarán preferiblemente a súa solicitude por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, anexo I para as solicitudes de prazas de residencias xuvenís para estudantes, e o anexo II para as solicitudes de prazas de residencias xuvenís para persoas traballadoras.
Opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
3. Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta orde.
O día final do citado prazo será o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo número ordinal do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.