CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO
Obxecto
Publícanse as bases reguladoras e anúnciase a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade, de 6 prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas para o 2020 (PL500F) nos centros de estudos galegos localizados nas universidades que se relacionan na táboa seguinte:
Destino Localidade País
Universidade de Bangor (Bangor University) Bangor Reino Unido
Universidade Autónoma de Barcelona (Universitat Autònoma de Barcelona) Barcelona España
Universidade de Cork (University College Cork) Cork Irlanda
Universidade de Kiel (Christian-Albrechts-Universität zu Kiel) Kiel Alemaña
Universidade de Miño (Universidade do Minho) Miño Portugal
Universidade de Deusto (Deustuko Univertsitatea) País Vasco España
Duración
1. A contratación por parte das universidades das persoas seleccionadas abranguerá, como máximo, un período que non excederá os tres anos.
2. As datas previstas de incorporación e remate recóllense no anexo II, en que se describen as características principais de cada unha das prazas convocadas. En todo caso, respectarase a data de remate.
Requisitos
1. Poderán participar nesta convocatoria as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
– Estar en posesión da nacionalidade española ou de calquera dos países membros da Unión Europea.
– Non padecer enfermidade ou limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desenvolvemento das actividades obxecto desta convocatoria.
– Non superar os 35 anos de idade na data de remate da presentación de solicitudes.
– Non atoparse incluídas en ningunha das prohibicións sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– Titulación académica:
Poderá solicitar calquera das prazas ofertadas quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:
• Licenciatura en Filoloxía Galega.
• Licenciatura en Filoloxía Románica, sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego.
• Grao en Lingua e Literatura Galegas.
• Grao en Estudos de Galego e Español.
• Grao en Galego e Portugués: estudos lingüísticos e literarios.
• Licenciatura en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 27 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.
• Grao en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 30 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.
2. Tamén poderán participar os lectores ou lectoras que, antes de rematar o período máximo de estadía, se visen obrigados a cesar na súa condición por causas alleas á súa vontade, sempre que esta circunstancia non derivase da resolución dun procedemento de tipo disciplinario.
3. Quedan excluídas aquelas persoas que sexan lectores ou lectoras de lingua, literatura e cultura galegas, ou que o fosen no seu momento, agás nos supostos de cobertura provisional previstos no artigo 14.
Presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse no modelo normalizado recollido como anexo I nesta orde. O formulario da solicitude estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal e na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no enderezo http://www.lingua.gal/portada.
2. As persoas interesadas poderán solicitar, como máximo, 3 destinos que deberán relacionar no anexo I por orde de preferencia.
3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
4. As persoas interesadas só poderán optar por unha das vías de presentación.
5. Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, notificaráselle á persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende os erros ou xunte os documentos preceptivos. Unha vez que transcorra o dito prazo sen que se produza a emenda, considerarase que desiste da súa petición.
6. Rematado o prazo de presentación de solicitudes e o establecido para a súa emenda, publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística e no seu taboleiro de anuncios as listaxes provisionais de admitidos, excluídos, con indicación da causa que orixina esta situación, e desistidos.
Á vista das listaxes anteriores, as persoas interesadas disporán dun prazo de cinco días para presentar reclamación.
Prazo de presentación
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.