CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA
Programa I: subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional (procedemento TR341K).
Obxecto e finalidade
O obxecto deste programa é subvencionar os custos salariais e da Seguridade Social por conta da empresa derivados da contratación indefinida do persoal das unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE.
A finalidade é promover a integración laboral das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción mediante o seu emprego nos CEE da Comunidade Autónoma de Galicia. Galicia.
Entidades beneficiarias
Os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, a súa organización e funcionamento (DOG núm. 138, do 19 de xullo), sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos no capítulo II das bases reguladoras e, en particular:
a) Que formen parte do seu cadro de persoal traballadores e/ou traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 5.2 da orde que establece as bases reguladoras destas axudas e que se define no punto terceiro deste extracto.
b) Que dispoña de unidades de apoio á actividade profesional e que estas teñan a composición establecida no artigo 31 das bases reguladoras.
Persoal destinatario final do programa
As persoas traballadoras dos CEE con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral. Defínense así as persoas que se atopen nalgún dos seguintes supostos:
a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
Contía e condicións da subvención
As subvencións establecidas neste programa destinaranse a financiar os custos salariais e da Seguridade e Social por conta da empresa derivados da contratación indefinida do persoal traballador das unidades de apoio á actividade profesional nos CEE.
A contía base será de 2.400 euros anuais por cada persoa traballadora apoiada, co tipo e grao de discapacidade indicados no punto terceiro, con contrato indefinido ou contrato temporal de duración igual ou superior a seis meses. Esta contía reducirase proporcionalmente en función da duración dos contratos e da xornada laboral.
Serán subvencionables os custos salariais, incluídos os da Seguridade Social correspondentes ás mensualidades que se indiquen en cada convocatoria de axudas. Nos CEE cualificados de iniciativa social, a porcentaxe máxima subvencionable será o 100 % dos custos indicados no punto precedente, e nos centros que non estean cualificados como tales, subvencionarase como máximo o 80 %.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Período subvencionable e xustificación da axuda
Con cargo á anualidade de 2020 subvencionarase o período do 1 de xullo de 2020 ata o 31 de outubro de 2020
Con cargo á anualidade 2021 subvencionarase o período de 1 de novembro de 2020 ata o 30 de xuño de 2021.
A presentación da conta xustificativa necesaria para o pagamento final das axudas do Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional realizarase (detallada por anualidades) ao remate do período subvencionable, como data máxima o 30 de setembro de 2021.
Programa II: axudas para a creación de postos de traballo estables, adaptación de postos e asistencia técnica para os CEE (procedementos TR341E e TR341N).
Obxecto
O obxecto deste programa é incentivar a creación de postos de traballo estables, financiar as adaptacións dos postos e as asistencias técnicas que precisen os CEE recoñecidos como centros de iniciativa social, no seu proceso de creación ou de mellora e diversificación produtiva.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan nesta orde os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, a súa organización e funcionamento, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos no capítulo III desta orde.
Igualmente, os centros de traballo para os cales se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do devandito Decreto 200/2005.
Para seren beneficiarios das axudas deste programa, os CEE deberán estar recoñecidos como centros de iniciativa social no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de conformidade co artigo 10 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, ou ter solicitado o recoñecemento desta condición na data de presentación da solicitude.
Exceptúase o caso da axuda da asistencia técnica para o informe de auditoría sobre a conta xustificativa recollida no artigo 40.d) a que poderán optar todos os CEE inscritos no Rexistro Administrativo de CEE da Comunidade Autónoma de Galicia.
Tipos de axuda
1. Neste programa recóllense tres liñas de axudas:
1.1. Subvención para a creación de postos de traballo estables en función do investimento en activo fixo (procedemento TR341E).
Finánciase a creación de novos postos de traballo indefinidos para persoas con discapacidade inscritas como demandantes de emprego non ocupadas no Servizo Público de Emprego ou a transformación en indefinidos dos contratos temporais, nos CEE de iniciativa social.
Establécese unha contía base de 12.000 euros por cada posto de traballo creado con carácter indefinido e a xornada completa, que será proporcional á xornada de traballo. O importe desta contía poderá incrementarse na porcentaxe dun 25 % por cada unha das seguintes circunstancias (acumulables entre si): ser muller, ter unha discapacidade con especiais dificultades de inserción ou estar en situación de risco ou exclusión social, ser maior de 45 anos, ser emigrante, ter a condición de trans ou ter o centro de traballo nun concello rural.
A contía máxima que poderá percibir un CEE por posto de traballo creado é de 30.000 euros. Cada un dos centros de traballo CEE poderá solicitar axuda por un máximo de 15 postos de traballo.
1.2. Subvención para a adaptación de postos de traballo (procedemento TR341N).
Finánciase á adaptación de postos de traballo ás persoas con discapacidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas nos CEE de iniciativa social.
A contía máxima será de 2.000 euros por cada posto adaptado.
1.3. Subvención para a asistencia técnica (procedemento TR341N). Consta de 4 modalidades:
a) Axuda para a contratación de persoal de dirección (máximo 2 anos).
b) Axuda para a obtención das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións.
c) Nos casos de creación dun centro de traballo (creación dun novo CEE ou ampliación do centro de traballo, coa debida cualificación do Rexistro Administrativo de CEE de Galicia) ou nos casos de diversificación da actividade do centro suficientemente acreditada, poderán outorgarse axudas de asistencia técnica consistentes en: estudos de viabilidade, organización, comercialización, labores de asesoramento nas diversas áreas de xestión empresarial, auditorías e informes económicos ou auditorías económicas e sociais.
d) Asistencia técnica para auditoría da conta xustificativa dos programas I e III.
A contía máxima por CEE será de 15.000 euros para as letras a), b) e c) no seu conxunto e entre 2.000 e 4.000 euros para a letra d), segundo o número de traballadores do centro.
2. O gasto realizado tanto no investimento en activo fixo para crear postos como no investimento para a adaptación dos postos de traballo ou nos servizos de asistencia técnica, excluídos o IVE ou, de ser o caso, os impostos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, é subvencionable ata 100 % para os CEE cualificados de iniciativa social.
O gasto realizado en asistencia técnica para o informe do auditor sobre a conta xustificativa será subvencionable ata un 100 % para os centros de iniciativa social e ata un 80 % para os demais centros especiais de emprego.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Período subvencionable e xustificación das axudas
O período subvencionable comprende desde o 1 de xullo de 2020 ata o 30 de xuño de 2021:
– Anualidade 2020: accións subvencionables desde o 1 de xullo de 2020 ao 31 de outubro de 2020. A xustificación desta axuda deberá realizarse como máximo o 16 de novembro de 2020.
– Anualidade 2021: accións subvencionables desde o 1 de novembro de 2020 ao 30 de xuño de 2021. Neste caso a xustificación da axuda deberá realizarse como máximo o 30 de setembro de 2021.
Programa III: axudas ao mantemento do custo salarial nos CEE (procedemento TR341M).
Obxecto
O obxecto deste programa é axudar aos CEE a financiar o custo salarial de todas as persoas traballadoras con discapacidade contratadas en centros de traballo do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Entidades beneficiarias
Os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, a súa organización e funcionamento (DOG núm. 138, do 19 de xullo), sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos no capítulo IV das bases reguladoras.
Así mesmo, poderán ser beneficiarias aquelas entidades que, na data de presentación da solicitude de axudas, teñan solicitado a súa cualificación como centro especial de emprego ou ampliación de novos centros de traballo.
Contía e condicións da subvención
Subvencionarase cun importe do 50 % do salario mínimo interprofesional (SMI) correspondente ás mensualidades indicadas na convocatoria, para as persoas con discapacidade contratadas nos centros especiais de emprego que estean de alta na Seguridade Social.
Para as persoas con discapacidade incluídas nalgún dos supostos do artigo 5.2, o importe será o 60 % do SMI.
No suposto de contratos de traballo a tempo parcial, a contía da subvención reducirase proporcionalmente. No suposto de que nun mesmo mes se produzan variacións na duración da xornada, soamente se terá en conta a porcentaxe da xornada laboral inferior para calcular a contía que se concederá nesa mensualidade.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Período subvencionable e xustificación das axudas
Con cargo á anualidade 2020, subvencionaranse as mensualidades de xullo a outubro de 2020.
Con cargo á anualidade orzamentaria de 2021, subvenciónanse as mensualidades de novembro e decembro de 2020 e as mensualidades de xaneiro a xuño de 2021.
A presentación da conta xustificativa necesaria para o pagamento final das axudas do Programa III de subvencións ao custo salarial (detallada por anualidades) será ao remate do período subvencionable, como data máxima o 30 de setembro de 2021.