CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Finalidade e obxecto
1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a financiar os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2015.
Inclúense nesta orde os gastos correntes derivados da realización dos programas e actividades desenvolvidos desde o 1 de xaneiro de 2015 ata a data límite de xustificación da orde.
2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por programas ou actividades culturais concretas aquelas destinadas á promoción e cooperación cultural e á difusión e animación sociocultural que contribúan ao espallamento e á promoción da cultura en Galicia.
3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación, que se axustará aos preceptos contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Beneficiarios
1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as institucións sen fin de lucro domiciliadas en Galicia, así como as entidades locais galegas que leven a cabo algún dos eventos descritos no obxecto da convocatoria, e cumpran os requisitos referidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.
As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar). Quedarán excluídas as solicitudes conxuntas nas cales non se acredite a realización conxunta do evento e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.
Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que as actividades se prestan de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que en todo caso non supón unha actuación illada ou independente.
2. As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas se non cumpren coa obriga de presentarlle as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.
4. Cada solicitante só poderá presentar un único proxecto e cada proxecto só poderá ter un único solicitante.
Prazo de solicitude: ata o 24 de agosto de 2015.