jueves, 23 de julio de 2015

SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA DE REHABILITACIÓN EDIFICATORIA 2013-2016

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 10 de xullo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de rehabilitación edificatoria do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013–2016, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

 Obxecto das bases reguladoras e réxime das subvencións
1. Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios para a concesión das subvencións previstas no programa de rehabilitación edificatoria do Plan estatal 2013-2016 na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Estas axudas están destinadas a subvencionar a realización de actuacións de rehabilitación, que consisten na execución de obras e traballos de mantemento e intervención nas instalacións fixas e equipamento propio, así como nos elementos e espazos privativos comúns dos edificios de tipoloxía residencial colectiva que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que estean finalizados antes de 1981.
b) Que, polo menos, o 70 % da súa superficie construída sobre rasante teña uso residencial.
c) Que, polo menos, o 70 % das súas vivendas constitúa o domicilio habitual das persoas moradoras.
3. Excepcionalmente, admitiranse neste programa os edificios que, sen cumprir as condicións anteriores:
a) Presenten graves danos estruturais ou doutro tipo, que xustifiquen a súa inclusión no programa.
b) Se destinen na súa totalidade ao alugamento durante, polo menos, 10 anos, contados desde a recepción da axuda.
4. As subvencións concederanse polo procedemento de concorrencia competitiva, a través de convocatoria pública, seguindo a orde de prelación que resulte da valoración prevista nestas bases, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria.
Persoas beneficiarias
1. Poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas axudas, as comunidades de propietarios/as, as agrupacións de comunidades de propietarios/as e as persoas propietarias únicas de edificios de vivendas.
Para os efectos desta orde, considerarase como persoa propietaria única do edificio a persoa física titular do pleno dominio do edificio.
2. Cando as persoas beneficiarias sexan persoas físicas, deberán posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo, de Suíza ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. As persoas estranxeiras non comunitarias deberán ter residencia legal en España.
3. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou a quen se lle revogase algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa solicitante.
4. Para o caso de que a persoa solicitante sexa unha comunidade de propietarios/as ou agrupación de comunidades de propietarios/as, os requisitos sinalados nos puntos anteriores deberán ser cumpridos polos seus membros.
Prazo de solicitude
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbera día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
As obras obxecto desta convocatoria deberán estar finalizadas antes do 30 de novembro de 2015.