jueves, 23 de julio de 2015

PROGRAMA DE AXUDAS A AUTÓNOMOS POLA CONTRATACIÓN INDEFINIDA DE PERSOAS ASALARIADAS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


 Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2015 dos incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizada polas persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.
2. As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.
Requisitos
1. Os incentivos previstos nesta orde serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais que realicen as persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con persoas traballadoras desempregadas para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A primeira contratación indefinida inicial pola que se solicite subvención deberá formalizarse durante o primeiro ano de actividade. A segunda e terceira contratación indefinida poderán formalizarse ata o terceiro ano de actividade.
3. Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data en que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non haxa outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida nin se contratase con carácter indefinido, con anterioridade, outra persoa traballadora agás que este contrato indefinido se extinguise por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.
4. Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial sempre que con anterioridade á formalización destes contratos non se realizasen dúas o máis contratacións indefinidas agás que estes contratos indefinidos anteriores se extinguisen por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.
5. O contrato indefinido inicial para que poida ser obxecto de subvención deberá formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.
Exclusións
Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:
1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais e disposicións complementarias.
2. Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da persoa solicitante. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e as fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.
3. As contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador ou da traballadora con empresas ás cales a persoa solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.
4. As persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 49.1.g), 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores.
Prazo de solicitude
As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2014 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo dun mes contado desde a data de publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.
 As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
 O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2015, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.