lunes, 13 de julio de 2015

8 BOLSAS DE FORMACIÓN NO CENTRO RAMÓN PIÑEIRO PARA A INVESTIGACIÓN EN HUMANIDADES

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

Obxecto e destinatarios
Por medio desta orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria de oito bolsas de formación nos proxectos concretos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que se inclúen como anexos á presente orde e nos cales se detallan os requisitos específicos que deben reunir os solicitantes, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora.

  • Unha bolsa de formación no proxecto Etiquetador/Lematizador do Galego Actual (CORGA/XIADA).
  • Unha bolsa de formación no Proxecto Codolga: Corpus documentale Latinum Gallaeciae.
  • Unha bolsa de formación no Proxecto BILEGA: Bibliografía Informatizada da Lingua Galega.
  • Unha bolsa de formación no Proxecto Terminoloxía científico-técnica.
  • Unha bolsa de formación no Proxecto Informes de Literatura.
  • Unha bolsa de formación no Proxecto Recuperación de textos poéticos e xornalísticos galegos.
  • Unha bolsa de formación no Proxecto Lírica profana galego-portuguesa.
  • Unha bolsa de formación no Proxecto Dimensións da identidade colectiva de Galicia.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
Duración
As actividades de formación iniciaranse coa incorporación da persoa seleccionada tal e como dispón a base décima desta convocatoria; a data estimada de comezo é o 1 de novembro de 2015 e rematarán, en calquera caso, o 31 de outubro de 2017. A data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa.
Requisitos xerais dos/as solicitantes
Poderán solicitar estas bolsas ou ser beneficiarios delas os/as licenciados/as ou graduados/as universitarios/as en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan ademais dos requisitos específicos que para cada proxecto se sinalan nos anexos desta orde, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.
b) Estar en posesión do título universitario de licenciado ou licenciada ou de grao exixido no proxecto para o que presente a solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter rematado os estudos conducentes a el no curso académico 2007-2008 ou posterior.
c) Acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega ou graos equivalentes.
d) Non resultar beneficiario dunha bolsa en concursos anteriores ou contratos no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
e) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 7 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG nº 188, do 30 de setembro).
f) Os/as solicitantes que teñan cursado os seus estudos en universidades non pertencentes ao sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberán xuntar a correspondente tradución xurada. A certificación do expediente académico indicará: a data de iniciación e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas; e deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE nº 224, do 18 de setembro) como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET), e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola devandita Resolución do 15 de setembro de 2011.
Prazo de solicitude: ata o 13 de agosto de 2015.