CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR
Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar, coa finalidade de fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras temporais a cooperativas e sociedades laborais e apoiar o desenvolvemento de proxectos de emprendemento.
2. Establécense os seguintes programas:
a) I: Programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (procedemento TR802G).
b) II: Programa de fomento do acceso á condición de persoa socia (procedemento TR802J).
c) III: Programa de impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica (procedemento TR807D).
d) IV: Programa de promoción das cooperativas xuvenís (procedemento TR807E).
3. Para os efectos desta orde terán a consideración de cooperativas xuvenís as que estean formadas maioritariamente por persoas socias traballadoras ou de traballo que teñan entre 16 e 29 anos de idade.
Beneficiarias
Con carácter xeral, as beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:
1. Estar ao día nas súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.
2. Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.
3. Non estar incursas nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e reunir os restantes requisitos previstos nesta.
4. As cooperativas deberán estar inscritas no Rexistro de Cooperativas de Galicia dependente da Xunta de Galicia e as sociedades laborais deberán estar inscritas no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais dependente da Xunta de Galicia e no Rexistro Mercantil.
5. As cooperativas e sociedades laborais deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas legais referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos sociais nos rexistros competentes.
Prazo de solicitude: ata o 17 de agosto de 2015.