martes, 4 de noviembre de 2025

WEBINARIO DEREITOS DIXITAIS

 Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2025 pola que se convoca o webinario Dereitos dixitais.

Obxectivos
Os obxectivos principais deste webinario serán os seguintes:
• Coñecer a tensión que se produce entre o dereito fundamental á intimidade do persoal empregado público e as novas potestades de vixilancia e control dixital que ten a Administración.
• Ter coñecemento dos dereitos dixitais do persoal empregado público que estableceu o artigo 14.j).bis) do TREBEP (texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público) cando usen computadores e demais dispositivos dixitais postos ao seu dispor pola Administración e fronte ao uso de mecanismos de vídeovixilancia e xeolocalización de empregados que poida utilizar a Administración.
• Comprender como está a afrontar a xurisdición contenciosa a protección do persoal empregado público cando a Administración utilizou sistemas de videovixilancia ou cando accedeu aos contidos dos computadores e dispositivos dixitais dos/das seus/súas empregados/as como medio probatorio de infraccións disciplinarias.
• Coñecer o transvasamento que se produciu á xurisdición contenciosa da doutrina elaborada pola xurisdición social, como receptora directa dos pronunciamentos elaborados polo noso Tribunal Constitucional e o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo sobre a aplicación dos dereitos fundamentais no ámbito das relacións laborais privadas.
• Estar ao corrente dos novos riscos para o dereito á intimidade que poden expor os avances tecnolóxicos e, en especial, a utilización da intelixencia artificial (IA) neste ámbito.

Persoas destinatarias
Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, da Administración local, da Administración de xustiza e das universidades do Sistema universitario de Galicia, así como a xuristas, profesionais, alumnado universitario e persoas interesadas en xeral.

Desenvolvemento
Data: mércores 12 de novembro de 2025.
Modo de impartición: telepresenza.
Horario: das 17.00 ás 19.00 horas.
Duración: 2 horas lectivas.
O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:
1. Ordenador de escritorio, portátil ou smartphone.
2. Conexión estable á internet.
3. Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.
4. Altofalantes (se o monitor ou equipamento non dispón deles).
Na web da EGAP está dispoñible un manual de axuda coa información necesaria para conectarse e utilizar a plataforma de telepresenza da EGAP. Pode accederse ao devandito manual desde o seguinte enderezo:
https://egap.xunta.gal/Documentos/recursos/[1742372613]Manual_TELEPRESENZA_v25_gl.pdf

Número de prazas
Cen (100).

Inscrición
1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizaren a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co establecido na base segunda desta convocatoria respecto ás persoas destinatarias.
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar, en primeiro lugar, a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar o nome do curso: Webinario Dereitos dixitais.
5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 9 de novembro de 2025.
6. A presentación da solicitude para participar comportará o consentimento da persoa interesada para a gravación da sesión.
Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.