Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Convocatoria.
Convócanse para o ano 2026 as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co calendario e demais condicións previstas nesta resolución. Os procedementos asociados a esta norma son o de inscrición ás ditas probas (anexo I-IF310D) e o de devolución de taxas en relación á dita inscrición (anexo II-IF310E).
Calendario.
No ano 2026 realizaranse nove convocatorias, tanto para as categorías D1, D1 + E, D e D + E, como para as categorías C1, C1 + E, C e C + E, que se desenvolverán de acordo co seguinte calendario e prazos de inscrición:
Convocatoria Intervalo de realización Prazo de inscrición
1ª 8.1.2026 a 7.2.2026 Desde o día seguinte á publicación desta resolución no DOG ata o 24.12.2025
2ª 17.2.2026 a 14.3.2026 Desde o 25.12.2025 ata o 6.2.2026
3ª 31.3.2026 a 25.4.2026 Desde o 7.2.2026 ata o 18.3.2026
4ª 12.5.2026 a 9.6.2026 Desde o 19.3.2026 ata o 27.4.2026
5ª 15.6.2026 a 7.7.2026 Desde o 28.4.2026 ata o 31.5.2026
6ª 13.7.2026 a 31.7.2026 Desde o 1.6.2026 ata o 1.7.2026
7ª 1.9.2026 a 6.10.2026 Desde o 2.7.2026 ata o 25.8.2026
8ª 14.10.2026 a 20.11.2026 Desde o 26.8.2026 ata o 28.9.2026
9ª 23.11.2026 a 30.12.2026 Desde o 29.9.2026 ata o 16.11.2026
Solicitudes.
a) As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica na sede electrónica do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. Con esta finalidade poderase acceder á sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, procedemento IF310D (anexo I), onde se amosará o ligazón á sede electrónica do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, no que se deberá realizar a inscrición cubrindo os datos requiridos para tal efecto.
As persoas aspirantes deberán superar os cursos de formación e cumprir os requisitos exixidos no Real decreto 284/2021, do 20 de abril, ou norma que o substitúa, para poder participar nas probas de constatación da cualificación inicial.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
b) As persoas aspirantes excluídas ou non admitidas á realización das probas poderán solicitar a devolución das taxas que aboasen, de ser o caso, a través do procedemento IF310E, presentando para o efecto unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución.
O prazo para solicitar a devolución das taxas será dun mes contado a partir da publicación na web da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, sección de Formación, da relación de aspirantes admitidos e excluídos en cada convocatoria, e empregarase para o efecto o modelo IF310E, de conformidade coa disposición quinta da Resolución do 1 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se establecen as bases e as regras de desenvolvemento das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia, en desenvolvemento do Real decreto 284/2021, do 20 de abril.
c) As solicitudes de devolución de taxas (IF310E-anexo II) presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
d) Ao abeiro do establecido no artigo 10.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, nos procedementos regulados nesta resolución é obrigatoria a presentación electrónica, tanto das solicitudes como da documentación complementaria, dada a necesidade de inscrición na sede electrónica do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible para a comprobación de requisitos de acceso ás probas en todo o territorio estatal e tendo en conta tamén que está dirixido a un colectivo profesional de transportistas de mercadorías e de viaxeiros que, para o exercicio de traballos asociados coa dita profesión, deberán dispoñer de medios para a tramitación electrónica, especialmente nos casos de traballo por conta propia, nos que xa resulta obrigatoria de acordo coa lexislación vixente.