martes, 11 de noviembre de 2025

SUBVENCIÓNS DIRECTAS A COMPENSAR OS PREXUÍZOS ECONÓMICOS PRODUCIDOS POLA ENFERMIDADE HEMORRÁXICA EPIZOÓTICA EN GALICIA

 Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 2025 pola que se regula o procedemento de concesión de subvencións directas destinadas a compensar os prexuízos económicos producidos pola enfermidade hemorráxica epizoótica en Galicia (código de procedemento MR558A).

Obxecto
Esta resolución ten por obxecto regular o procedemento de concesión directa de axudas destinadas a compensar os prexuízos económicos producidos nas explotacións galegas de gando vacún a consecuencia da EHE.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas ou xurídicas, ou as entidades sen personalidade xurídica, titulares de explotacións de gando bovino inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia, calquera que sexa a súa clasificación conforme o Real decreto 1053/2022, do 27 de decembro, polo que se establecen normas básicas de ordenación das granxas bovinas, a excepción das explotacións do tipo centros de concentración e as explotacións ou centros de corentena. As explotacións beneficiarias deberán estar en estado de alta no rexistro e manter animais localizados nelas, na data desta resolución.
2. Poderán percibir estas axudas:
a) As persoas titulares de explotacións localizadas en Galicia e que declarasen, conforme o Real decreto 779/2023, do 10 de outubro, polo que se establece a comunicación de enfermidades dos animais de declaración obrigatoria e se regula a súa notificación, casos de EHE desde o 6.12.2024 ata o 10.4.2025, e nos que, ou ben os resultados laboratoriais confirmaron a enfermidade, ou ben os servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural determinaron a existencia dela.
b) Tamén poderán percibir estas axudas as persoas titulares de explotacións galegas que declarasen casos de EHE o 5.12.2024 ou anteriormente a esa data, e nas que se producisen mortes que se considerasen ocasionadas pola enfermidade con posterioridade ao 5.12.2024, ou nas que se obtivesen os resultados laboratoriais positivos ou fosen consideradas afectadas despois desa data.
Unicamente se terán en conta aquelas declaracións da existencia da enfermidade que se producisen inmediatamente tras detectarse esta.
3. Para identificar estas explotacións utilizarase o rexistro elaborado pola Subdirección Xeral de Gandaría, que contén todos os casos declarados da enfermidade.

Prazo de presentación das comunicacións de aceptación das axudas
1. As persoas incluídas na mencionada relación provisional disporán dun prazo de 10 días hábiles para aceptar a axuda e excluiranse do cómputo os sábados, os domingos e os días declarados festivos, e que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
2. A non aceptación da axuda no prazo indicado suporá a renuncia a ela.