Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
1.Convocatoria
Convócanse para o ano 2026 as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, tanto na súa modalidade de mercadorías como na de persoas viaxeiras, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co calendario e demais condicións previstas nesta resolución (procedementos IF312A e IF312B).
2. Calendario
No ano 2026, as persoas interesadas dispoñerán de ata catro chamamentos para a realización do correspondente exame. Os exercicios terán lugar nos períodos comprendidos entre:
– Primeiro período: entre o 23 de febreiro e o 31 de marzo de 2026, para aqueles aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o día da apertura do prazo para presentar a solicitude, que será a partir do seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e o 21 de xaneiro de 2026.
– Segundo período: entre o 18 de maio e o 30 de xuño de 2026, para aquelas persoas aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o 22 de xaneiro e o de 15 de abril de 2026.
– Terceiro período: entre o 31 de agosto e o 30 de setembro de 2026, para aquelas persoas aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o día 16 de abril e o 13 de xullo de 2026.
– Cuarto período: entre o 10 de novembro e o 18 de decembro de 2026, para aquelas persoas aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o día 14 de xullo e o 9 de outubro de 2026.
As persoas aspirantes que cumpran os requisitos para acceder ás probas poderán presentarse á modalidade de xestor de transporte para empresas de transporte de mercadorías por estrada e á de xestor de transporte para empresas de transporte de persoas viaxeiras por estrada, ou só a unha delas. As persoas aspirantes que estean interesadas en presentarse a ambas as modalidades deberán presentar unha solicitude por cada modalidade e aboar as taxas correspondentes de acordo co establecido no punto 10 desta resolución.
3. Requisitos das persoas aspirantes
En aplicación do disposto no artigo 8, números 1 e 2, do Regulamento (CE) 1071/2009, e de acordo co que establece o número 4 do anexo II do Real decreto 1211/1990, para poder participar nas probas de xestor de transporte a persoa aspirante deberá cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión dalgún dos seguintes títulos de formación no momento de presentar a solicitude:
– Título de bacharel ou equivalente.
– Título de técnico, acreditativo de ter superado as ensinanzas dunha formación profesional de grao medio, sexa cal for a profesión a que se encontre referido.
– Título de técnico superior, acreditativo de ter superado as ensinanzas dunha formación profesional de grao superior, sexa cal for a profesión a que se encontre referido.
– Calquera título acreditativo de ter superado unhas ensinanzas universitarias de grao ou posgrao.
b) Ter residencia habitual en Galicia.
Para tal efecto, entenderase por residencia habitual en Galicia cando conste o seu domicilio en Galicia no momento de presentar a solicitude e, cando menos, durante 185 días naturais no último ano, contados desde o remate do prazo de presentación de solicitudes para concorrer as probas.
Só se admitirá que o domicilio non conste en Galicia, para os efectos da realización do exame, cando a persoa aspirante acredite que, sen cumprir o requisito do punto anterior, se viu obrigada por razóns familiares ou profesionais a cambiar a súa residencia en Galicia; non obstante, non se entenderá cumprida esta exixencia nin cando se trate de estadías temporais nunha localidade para a realización dunha actividade de duración determinada, nin cando se trate de supostos de asistencia a unha universidade, escola ou centro docente.
4. Solicitudes para a inscrición nas probas
1. De acordo co que establece o artigo 56 da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, o artigo 51, números 1 e 2, do Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, e o disposto no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedementos administrativo común das administracións públicas, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, co código IF312A (anexo I).
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).