Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Obxecto
O obxecto é a convocatoria da segunda edición do 2025 do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio.
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
Importe
1. Para a concesión destas axudas destinaranse 2.500.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 14.06.751A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
2. O orzamento poderase incrementar en función da evolución do programa bonos Activa comercio co obxecto de aumentar o número de persoas beneficiarias e de acordo coa dispoñibilidade de crédito cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.
Data de descarga dos bonos
Os bonos estarán dispoñibles na web www.bonosactivacomercio.gal para a súa descarga polas persoas usuarias desde o 5 de novembro de 2025, ás 9.00 horas, ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas acade os 2.500.000,00 €.
Mediante orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderase modificar a antedita data se razóns organizativas ou doutra índole así o aconsellan, do cal se dará a oportuna publicidade.