Axencia Instituto Enerxético de Galicia
Obxecto e normativa de aplicación
1. O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións (comunidades de veciños...) e tamén as entidades patrimoniais tipificadas no artigo 5 da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do imposto de sociedades con fins de aforro enerxético e fomento do uso da enerxía solar fotovoltaica.
2. Estas subvencións destinadas a proxectos de enerxía fotovoltaica en ámbitos non urbanos convócanse en réxime de concorrencia competitiva.
3. As solicitudes presentaranse a través das entidades colaboradoras.
Poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os dous casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
Será necesario que as entidades colaboradoras estean dadas de alta na Consellería de Economía e Industria para a xestión de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica como empresas con actividade de instalación de baixa tensión (código de procedemento IN609A).
4. Estas axudas para as sociedades patrimoniais de tenza de valores inmobiliarios ou de arrendamento de inmobles cando teñan actividade económica estarán sometidas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro), a axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada non pode ser superior a 300.000 € durante o período dos tres anos previos.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas e as sociedades patrimoniais de tenza de valores inmobiliarios ou de arrendamento de inmobles, titulares de calquera dereito sobre un inmoble de carácter residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables descritas no artigo 4 se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas, privadas sen personalidade, non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Forma e prazo de presentación das solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 7 de novembro de 2025 e para solicitar a súa adhesión a entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de adhesión (anexo II).
2. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 31 de outubro de 2025 ás 9.00 horas (Inicio do período subvencionable) e rematará o 1 de decembro de 2025 ás 23.59 horas. A entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de solicitude de axuda (anexo IV).
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos para os dous procedementos, a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal), de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).