miércoles, 29 de octubre de 2025

CONCERTO SOCIAL PARA A XESTIÓN DO PROGRAMA FSE+ DE ASISTENCIA MATERIAL BÁSICA (PROGRAMA BÁSICO)

 Consellería de Política Social e Igualdade

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras do concerto social para a xestión do Programa FSE+ de asistencia material básica (Programa Básico) na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado pola Unión Europea (código de procedemento BS213W).

Obxecto do concerto social.
1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras do concerto social para a xestión do Programa FSE+ de asistencia material básica (Programa Básico) na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado pola Unión Europea, que ten como finalidade facer fronte á privación material das familias máis desfavorecidas con menores a cargo, a través dun sistema de tarxetas e/ou vales físicos ou electrónicos intercambiables por alimentos e outros produtos de asistencia material básica, así como apoiar a súa inclusión social, a través das medidas de acompañamento que se establezan.
O código deste procedemento administrativo é BS213W.
2. Este procedemento convócase ao abeiro do disposto no artigo 9.1 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. As condicións técnicas e materiais de execución do concerto son as establecidas no prego técnico que figura como anexo I desta resolución.

Servizos que se van concertar.
A través desta convocatoria concertarase cunha entidade privada de iniciativa social a xestión do Programa FSE+ de asistencia material básica (Programa Básico) na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado pola Unión Europea, correspondente aos seguintes servizos establecidos no Decreto 61/2016, do 11 de febreiro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de inclusión:

Código Servizo Sección
0101 Servizo de valoración, orientación e información -
0201 Servizo de cobertura da necesidade de alimento Distribución de alimentos
0202 Servizo de provisión de recursos básicos Apoio material
2. Os servizos incluirán as prestacións descritas no prego técnico da convocatoria.

Modalidade de concertación
1. A modalidade de concertación é o procedemento de asignación de concerto, regulado no artigo 9 do Decreto 229/2020.
2. O concerto será asignado a unha única entidade.

Duración do concerto social
1. Este concerto social terá unha vixencia desde a súa formalización, prevista para o 1.12.2025, ata o 30.6.2029, sen posibilidade de prórroga.
2. No caso de resolución do concerto ou extinción polo seu incumprimento, a entidade concertada estará obrigada a seguir prestando o servizo, en idénticas condicións, durante o tempo indispensable para que a Administración poida asegurar a continuidade na prestación do servizo.

Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
3. Cada entidade participante non poderá presentar máis dunha solicitude. A infracción desta norma dará lugar á non admisión de todas as propostas subscritas por ela.
4. A presentación da solicitude supón a aceptación incondicionada da entidade solicitante da totalidade do contido desta convocatoria, sen excepción ou reserva ningunha.
5. No anexo II constan as seguintes declaracións responsables:
a) Que, de acordo co artigo 38 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas, a entidade non solicitou outras axudas para o financiamento dos servizos ou prestacións obxecto deste concerto.
b) Que a entidade ten contratada unha póliza de seguro de responsabilidade civil cunha cobertura non inferior aos 150.000 euros, para garantir a obriga de indemnizar as persoas usuarias polos danos que se lles poidan ocasionar como consecuencia da execución do concerto.
c) Que a entidade dispón da experiencia mínima, segundo se establece na base novena da convocatoria.
d) Que a entidade non está incursa en ningunha causa de prohibición para concertar, segundo o disposto no artigo 7.1 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.
e) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
f) Que é certa a información contida no anexo III para a valoración da proposta.
g) Que a entidade participante acepta a totalidade das condicións establecidas nesta convocatoria e no prego técnico.
h) Que a entidade representada está en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lle sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto desta convocatoria.