lunes, 6 de octubre de 2025

MODIFICACIÓN.- PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN DE AXUDAS PARA A POSTA EN MARCHA DE CASAS DO MAIOR, PARA OS ANOS 2025 E 2026 E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA.

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 26 de setembro de 2025 pola que se modifica a Orde do 6 de xuño de 2025 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, para os anos 2025 e 2026, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212A).

Artigo único. Modificación da Orde do 6 de xuño de 2025 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, para os anos 2025 e 2026, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212A).

O artigo 20 da Orde do 6 de xuño de 2025 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, para os anos 2025 e 2026, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212A) queda redactado como segue:

«Artigo 20. Xustificación da subvención

1. Para xustificar os gastos de investimento que comprendan as actuacións realizadas presentarase con data límite do 15 de decembro de 2025, xunto coa solicitude de pagamento (anexo V) unha memoria económica que recolla a seguinte documentación:

a) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos realizados, con indicación da persoa acredora e do documento, importe, data de emisión e data de pagamento. No caso de que existan desviacións respecto ao orzamento achegado, a persoa beneficiaria promotora da casa do maior indicará e xustificará as desviacións producidas.

b) Copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos de investimento realizados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento. De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique este mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa beneficiaria. As facturas dos gastos de investimento presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos formais:

1º) A copia de cada factura deberá ter unha explicación detallada do gasto en relación coa acción subvencionada, así como o prezo unitario.

2º) Conterán os datos identificativos de quen a expide (nome, apelidos, denominación ou razón social, NIF e enderezo) así como do/da destinatario/a, que deberá ser a persoa beneficiaria promotora da casa do maior.

3º) Incluirán o IVE correspondente ou o imposto equivalente. Cando a cota se repercuta dentro do prezo, deberá indicarse IVE incluído, así como o lugar e a data.

4º) Xuntarase o comprobante bancario do seu pagamento.

Se a transferencia engloba varias facturas, presentarase a relación destas. Non se admitirán xustificantes de aboamento en metálico. Os pagamentos mediante transferencia bancaria, salvo que sexan telemáticos, deberán vir conformados ou verificados pola entidade bancaria. Para o caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito ou débito, esta deberá estar asociada á conta da persoa beneficiaria.

Para os efectos desta orde, os gastos de investimento teñen que corresponder a gastos derivados da realización do proxecto subvencionable, adecuados aos obxectivos da medida a que pertence a actuación, ser verificable documentalmente a súa realización e ser realizados e efectivamente pagados dentro do período establecido no artigo 5.4.

c) Se é o caso, unha relación detallada doutras subvencións que financiasen a mesma actividade con indicación do importe e a procedencia.

d) Se é o caso, copia dos orzamentos recollidos no artigo 5.7.

2. A xustificación da axuda concedida no ano 2025 para o funcionamento do proxecto a través da prima de desenvolvemento presentarase con data límite do 5 de xaneiro de 2026 e, en ano 2026 abranguerá ata o 30 de novembro de 2026 e presentarase con data límite do 7 de decembro de 2026.

Con cada solicitude de pagamento (anexo V) as persoas beneficiarias promotoras da casa do maior deberán presentar os rexistros mensuais de asistencia asinados pola/s persoa/s responsable/s do desenvolvemento da casa do maior e polas persoas usuarias ou, de ser o caso, titores ou representantes legais dos maiores que acudan á casa do maior (anexo VI).

Así mesmo, para xustificar a axuda destinada a cubrir o servizo de desprazamento deberán achegarse os rexistros mensuais deste servizo asinados pola/s persoa/s responsable/s do desenvolvemento da casa do maior e polas persoas usuarias ou as súas titoras ou representantes legais (anexo VII).

Para xustificar o servizo de manutención, deberán achegarse os rexistros mensuais deste servizo asinados pola/s persoa/s responsable/s do desenvolvemento da casa do maior e polas persoas usuarias ou das súas titoras ou representantes legais (anexo VIII).

3. Para xustificar a axuda nos casos de baixa por maternidade ou permiso de paternidade da persoa responsable do desenvolvemento da actividade presentaranse os seguintes documentos:

a) Anexo V.

b) Parte de baixa de maternidade ou permiso de paternidade.

4. Adicionalmente, na xustificación final referida á axuda ao desenvolvemento do proxecto presentarase a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación onde consten todas as prestacións realizadas ás persoas maiores, asinada polo persoa responsable do desenvolvemento do proxecto.

b) Acreditación documental, material e/ou gráfica a través de fotografías, copias, capturas de pantalla ou similar, do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

c) Rexistros mensuais de asistencia, servizo de desprazamento e/ou manutención asinados pola persoa responsable do desenvolvemento da casa do maior e polas persoas usuarias ou titores ou representantes legais, non achegados con anterioridade.

5. No caso de que a xustificación da axuda ao investimento e/ou ao desenvolvemento do proxecto sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días hábiles, advertíndolle que, de non facelo, decaerá o dereito á subvención e procederase, tras a resolución ditada conforme o establecido no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, á revogación da axuda e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e non implica a apertura de prazo para presentar novas solicitudes.