viernes, 17 de octubre de 2025

EMERXENCIA CINEXÉTICA TEMPORAL POLOS DANOS OCASIONADOS POLO XABARIL NA CORMARCA DE ANCARES

 Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2025, do Departamento Territorial de Lugo, pola que se declara a emerxencia cinexética temporal polos danos ocasionados polo xabaril nas comarcas dos Ancares, Chantada, A Fonsagrada, Lugo, A Mariña Central, A Mariña Occidental, A Mariña Oriental, Sarria, Terra Chá e Terra de Lemos.

Primeiro. Declarar a emerxencia cinexética temporal na comarcas sinaladas no anexo I desta resolución nas cales se inclúen os tecores e zonas libres indicados no anexo II, debido ás circunstancias especiais derivadas dos danos á agricultura, ao perigo de accidentes de tráfico e previsibles riscos ambientais ocasionados polo xabaril, coa finalidade de axilizar a aplicación de medidas conducentes ao control das poboacións desta especie, a través de distintas modalidades e procedementos de captura.

Segundo. A vixencia desta declaración de emerxencia cinexética temporal estenderase desde a entrada en vigor desta resolución ata o 22.2.2026, abranguendo o período hábil de caza establecido para o xabaril no artigo 16.2 da Resolución do 10 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Terceiro. Durante a vixencia da declaración de emerxencia cinexética temporal, nas comarcas incluídas no anexo I poderanse adoptar as medidas que se relacionan a continuación para o control da poboación de xabaril, permitíndose abater ou capturar sen límite de exemplares xabarís de ambos os sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas en todas as súas idades. Nestas zonas permitirase, así mesmo, abater crías e femias seguidas de crías, logo de autorización especial da Dirección Xeral de Patrimonio Natural de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 13/2013, do 23 de decembro.

a) En terreos cinexéticos:

As modalidades de caza permitidas para esta especie poderán practicarse durante todos os días da semana, salvo o especificado a continuación para as zonas libres de caza, con comunicación previa ao Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, atendendo aos seguintes condicionantes:

• Nos terreos en réxime cinexético especial: as cazarías correspondentes a xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2025-2026 deberán ser comunicadas previamente ao correspondente departamento territorial competente en materia de caza (procedemento MT720C).

• Nas zonas libres de caza as cazarías estarán suxeitas a autorización: deberán solicitarse ao correspondente departamento territorial competente en materia de caza cunha antelación mínima de dez días naturais (procedementos MT720K e MT720L). No período que abrangue ata o 5 de xaneiro de 2026, poderanse autorizar cazarías de xabaril os luns, martes, mércores e venres, sempre que non sexan festivos. Desde o 7 de xaneiro ao 22 de febreiro de 2026, ambos incluídos, poderanse autorizar cazarías os luns, martes, mércores e venres, sempre que non sexan festivos.

Na modalidade de agarda ou espera, poderán agruparse nunha soa comunicación varias xornadas e deberá indicarse expresamente por motivos de seguridade a localización aproximada, mediante coordenadas UTM, dos diversos postos fixos que poidan ocuparse.

Así mesmo, en terreos de réxime cinexético especial poderanse autorizar os propietarios dos terreos afectados a realizar, persoalmente ou mediante terceiros, agardas ou esperas, con autorización do titular do aproveitamento cinexético. Neste caso as persoas cazadoras deberán portar durante a acción de caza unha autorización por parte do titular cinexético, que será nominativa, persoal e intransferible para cada xornada, e deberán cumprir, así mesmo e en todo caso, cos requisitos exixidos no artigo 58 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia.

Co fin de aumentar a eficacia e optimizar o aproveitamento cinexético nesta modalidade, facilitar a identificación dos exemplares e garantir a seguridade das persoas, poderase utilizar con carácter excepcional:
– Un visor con convertedor ou amplificador electrónico de luz durante a práctica da modalidade da agarda ou espera nocturna e fontes luminosas para a iluminación dos albos.

– Dispositivos electrónicos, tales como detectores ou controladores de hora de paso ou presenza, para a posterior realización de esperas nocturnas do xabaril.

– Nos cultivos con destino á colleita en que se teñan iniciado os danos, poderase dispor de cebadeiros de gran ou froitos co obxecto de asegurar a eficacia no momento concreto dos controis.

Nestes terreos permitirase, así mesmo, a captura en vivo de exemplares de xabaril, mediante o emprego de capturadeiros, con posterior sacrificio de todos os exemplares capturados, de acordo co procedemento que estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, e é necesario dispoñer dunha autorización expresa.

Na solicitude deberá indicarse expresamente a súa localización mediante a achega dun plano a escala suficiente, e os datos do persoal responsable da súa execución (nome, apelidos e DNI).

b) En terreos non cinexéticos:

Nos terreos non cinexéticos para o emprego de modalidades e procedementos de captura será necesario dispoñer dunha autorización expresa.

Permitirase a captura en vivo de exemplares de xabaril, mediante o emprego de capturadeiros, con posterior sacrificio de todos os exemplares capturados, de acordo co procedemento que estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Cando a aplicación de capturadeiros non reporte os resultados desexados, poderá permitirse a práctica da modalidade de agarda ou espera diúrna e nocturna, logo de solicitude da persoa interesada, en que se indicará a localización aproximada dos postos fixos, mediante coordenadas UTM, por motivos de seguridade, adoptando as medidas ou precaucións necesarias para garantir a seguridade das persoas. Será preceptiva neste caso a acreditación da existencia dos danos mediante informe do Departamento Territorial.

Nesta clase de terreos, as medidas ou medios de captura permitidos deberán solicitarse ao Departamento Territorial, con polo menos 15 días de antelación á data de realización. O prazo para resolver e notificar será dun mes, e o silencio administrativo é desestimatorio.

Cuarto. Os exemplares capturados como consecuencia da aplicación das medidas adoptadas na área de emerxencia cinexética temporal deben identificarse mediante precintos e comunicarse debidamente ao Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no prazo de 15 días naturais, segundo o seguinte procedemento:

a) En terreos de réxime cinexético especial: a comunicación das capturas realizadas en xornadas non planificadas no plan anual de aproveitamento aprobado para a tempada 2025-2026 realizarase utilizando o procedemento MT720P procedemento xenérico de caza, mentres que os resultados das cazarías planificadas no plan anual de aproveitamento se comunicarán utilizando o procedemento MT720D.

b) En terreos de réxime cinexético común e terreos non cinexéticos: a comunicación das capturas poderá realizarse utilizando o procedemento MT720P procedemento xenérico de caza, ou ben, no caso de tratarse dun suxeito non obrigado a relacionarse electronicamente coas administracións públicas, poderá presentar os resultados en papel no rexistro do Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, ou en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Quinto. Na Reserva Nacional de Caza dos Ancares aplicarase o seu réxime especial de funcionamento.

Sexto. Esta resolución permanecerá vixente ata a finalización do período hábil de caza do xabaril para a tempada 2025-2026. Con todo, poderá quedar suspendida no seu conxunto ou en parte do ámbito de aplicación incluído no punto primeiro, logo de resolución, no momento en que se constate que desapareceron as causas que motivaron a súa declaración.

Séptimo. Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.