Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Obxecto.
Convocar a proba en liña para a obtención do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) no ano 2025, con código de procedemento administrativo PL500G.
Persoas destinatarias e número de prazas.
2.1. Esta convocatoria diríxese ás persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras.
2.2. O número de prazas dispoñibles para realizar a proba en liña do Celga 4 será de cen (100).
Data de realización da proba.
A proba terá lugar no cuarto trimestre de 2025, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida. A data concreta será debidamente publicada no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (https://www.lingua.gal). En todo caso, non coincidirá coas datas das probas Celga presenciais convocadas mediante a Resolución do 1 de setembro de 2025 (DOG núm. 176, do 12 de setembro).
Presentación de solicitudes e prazo.
4.1. As persoas que desexen inscribirse nesta convocatoria deberán cubrir o formulario de solicitude segundo o modelo que se publica como anexo I (PL500G).
4.2. A capacidade técnica e a dispoñibilidade dun equipamento informático que permita realizar a proba en liña obxecto desta convocatoria xustifican a obrigatoriedade da presentación electrónica das solicitudes, que se realizará a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4.3. Ademais da presentación desta solicitude a través da sede electrónica, as persoas que desexen participar nesta convocatoria tamén deberán presentar unha solicitude de inscrición na proba a través da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral da Lingua (https://formacion-lingua.xunta.gal). Para acceder á dita plataforma, identificaranse co nome da persoa usuaria e o contrasinal; a continuación, seleccionarán a proba e matricularanse nela. Se unha persoa non é usuaria da plataforma, deberá rexistrarse previamente nela. O nome e os apelidos facilitados na plataforma deben coincidir cos do documento que acredita a súa identidade (DNI, NIE ou pasaporte).
4.4. Para realizar a proba, as persoas solicitantes deberán dispor dun equipamento informático que cumpra, como mínimo, os seguintes requisitos técnicos:
– Un ordenador con:
• Conexión á internet (de banda larga).
• Navegador web debidamente actualizado (recoméndase ter instalada a última versión de Chrome).
• Cámara web debidamente configurada no ordenador, á cal accederá o sistema durante o tempo que dure a proba en liña para controlar e verificar que a persoa realiza o exame de xeito autónomo e sen axudas externas.
• Micrófono debidamente configurado no ordenador para permitir a gravación de voz en formato electrónico (MP3 ou equivalente).
• Altofalantes debidamente configurados no ordenador para permitir escoitar son.
• Acceso á conta de correo electrónico especificada no formulario da solicitude.
– Un teléfono móbil, que complementará o ordenador durante a proba, o que permitirá que o sistema controle o posto en que a persoa realiza o exame en liña desde un segundo punto de vista diferente ao obtido pola propia cámara web do ordenador, con:
• Conexión á internet (de banda larga).
• Aplicación de cámara para vincular un código QR no momento de iniciarse a proba.
• Habilitación de permisos para acceder á cámara e ao micrófono.
4.5. O prazo de presentación das solicitudes, tanto a través da sede electrónica como da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral de Lingua, será de dez días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.