Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Obxecto, finalidade e ámbito de aplicación
1. A orde ten por obxecto regular o réxime da concesión directa de subvencións, por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B ou C, ou de especialidades formativas do Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal, financiadas por esta consellería.
Non se inclúe no ámbito de aplicación desta orde a formación impartida nos programas integrados de emprego, nos obradoiros de emprego, nas accións formativas financiadas con fondos procedentes do Mecanismo para a recuperación e resiliencia ou con fondos provenientes da Unión Europea.
2. Por medio desta orde convócanse as ditas subvencións, referidas ás accións formativas que se inicien no período comprendido entre o 1 de novembro de 2025, día da entrada en vigor desta orde, e o 31 de outubro de 2026 (ambos incluídos).
Persoas beneficiarias
1. Poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións en concepto de bolsas e axudas obxecto desta convocatoria as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas recollidas no artigo 1 e que reúnan os requisitos exixidos con carácter xeral nesta orde, así como os particulares establecidos para cada tipo de bolsa ou axuda.
2. Para os efectos desta orde, terá a consideración de persoa traballadora desempregada aquela inscrita no Servizo Público de Emprego de Galicia con situación laboral como non ocupada na data de inicio da acción formativa.
Tamén poderán obter a condición de beneficiarias as persoas traballadoras que, tendo a condición laboral de ocupadas, adquiran posteriormente a condición de persoas traballadoras desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia con situación laboral como non ocupada durante o período de desenvolvemento da acción formativa.
Neste caso, só terán dereito a percibir as axudas que lles poidan corresponder desde o primeiro día do mes seguinte a aquel en que adquiran a condición de persoa desempregada. No suposto de que desapareza o feito causante, perderase o dereito a percibir a axuda a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar esta situación.
A persoa beneficiaria debe comprometerse a manter os requisitos que lle permiten o acceso á subvención durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito, de tal maneira que, se deixa de cumprilos, estaría obrigada a comunicarllo por escrito ao órgano competente para resolver, no prazo de cinco días hábiles desde que se produza tal circunstancia.
Tipoloxía de bolsas e axudas
As tipoloxías de bolsas e axudas reguladas por esta orde son as seguintes:
• Bolsas de asistencia para os seguintes colectivos:
– Persoas con discapacidade recoñecida en grao igual ou superior ao 33 %.
– Membros integrantes dunha familia numerosa.
– Membros integrantes dunha familia monoparental.
– Vítimas de violencia de xénero.
• Axudas por participar na acción formativa:
– Para transporte público, urbano e interurbano, ou vehículo propio.
– Para manutención.
– Para aloxamento e manutención.
– Para conciliación.
Prazo de presentación de solicitudes
A persoa traballadora desempregada deberá presentar a súa solicitude no prazo dun mes desde a súa incorporación á acción formativa, ou desde que teña lugar o feito causante que determina o dereito.
A presentación da solicitude fóra de prazo dará lugar á súa inadmisión sen máis trámites.
Forma e lugar de presentación das solicitudes
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado do anexo I, procedemento TR301V, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Data de entrada en vigor da orde
A orde entrará en vigor o día 1 de novembro de 2025.