jueves, 28 de diciembre de 2023

SUBVENCIÓNS PARA A ESCRITA DE GUIÓNS AUDIOVISUAIS 2024

 AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a escrita de guións audiovisuais e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT404G).

Finalidade
Promover a escrita de guións orixinais ou adaptacións literarias, en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, para longametraxes cinematográficas de ficción ou animación e series de ficción para televisión, de autoría galega, que permitan seguir impulsando un marco de actuación cultural do sector audiovisual baseado en tres premisas substanciais:
a) O apoio á creación de contidos audiovisuais de calidade e con vocación de difusión internacional.
b) A consolidación de industrias audiovisuais competitivas, con posibilidades de exportar e dar rendibilidade social e económica á cultura galega.
c) A busca da excelencia nos produtos culturais galegos, coa posta en valor da cultura galega a través da creación e divulgación de produtos audiovisuais galegos.

Persoas beneficiarias
a) As persoas físicas que poidan acreditar a súa vinculación previa coa realización dunha obra audiovisual ou formación académica no ámbito da creación ou produción audiovisual, ou ben a súa participación en cursos ou obradoiros relacionados coa creación audiovisual e desenvolvan a súa actividade habitual maioritariamente en Galicia. Ademais, non poderán figurar como directores/as ou guionistas de series para TV ou asinar a autoría de máis de dúas longametraxes que figuren cualificadas na base de datos do ICAA para a súa estrea comercial.
b) As persoas físicas (autónomas) que se encontren de alta na epígrafe do IAE 864 no momento de presentar a solicitude, desenvolvan a súa actividade habitual maioritariamente en Galicia e que acrediten ter participado como guionista.
Así mesmo, poderán ser persoas beneficiarias desta subvención as agrupacións de dúas persoas físicas sempre que ambas se poidan encadrar na mesma tipoloxía de persoas beneficiarias descritas nos puntos anteriores e non constitúan personalidade xurídica.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.