VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES
Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar a convocatoria do ano 2024 de subvencións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de actividades deportivas (código de procedemento PR945C).
Entidades beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas (liña I), así como os núcleos de adestramento deportivo especializados (liña II) xestionados por algunha das entidades anteriores, inscritos, en todos os casos, no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
No caso dos núcleos de adestramento deportivo especializados, deberán estar recoñecidos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.
Actuacións subvencionables e compatibilidade
5.1. Na liña de actuación I, serán subvencionables os gastos derivados da participación en competicións de carácter oficial en 2023.
5.2. Na liña de actuación II, serán subvencionables os gastos derivados da participación en competicións de carácter oficial e os gastos correntes do núcleo de adestramento deportivo especializado no período comprendido entre o 1 de decembro de 2023 e o 30 de novembro de 2024.
5.3. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases poderán ser concorrentes con subvencións doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, incluídas as axudas ás sociedades anónimas suxeitas ao réxime de minimis, sen prexuízo da obriga de comunicar ao órgano concedente a súa obtención. O importe total das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, ingresos ou recursos, supere o gasto realizado pola entidade beneficiaria. Esta circunstancia deberá ser acreditada pola entidade beneficiaria conforme o establecido no artigo 15 destas bases.
5.4. As axudas desta orde reguladas nas liñas I e II son compatibles entre si, polo que unha mesma entidade poderá optar á subvención pola participación en competicións de carácter oficial e, de ser o caso, como núcleo de adestramento deportivo especializado.
Prazo para presentar as solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.