lunes, 4 de diciembre de 2023

AXUDAS A STARTUPS 2024

 INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2023 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a startups, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408G).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e o seu obxecto é fomentar a actividade das startups galegas ou cun centro de traballo en Galicia subvencionando os gastos e investimentos en que incorran desde o 1 de xaneiro de 2024 ata a data da solicitude de axuda.

Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as startups galegas ou cun centro de traballo en Galicia. Consideraranse startups, de acordo coa definición contida no artigo 3 da Lei 28/2022, do 21 de decembro, de fomento do ecosistema das empresas emerxentes, toda persoa xurídica, incluídas as empresas de base tecnolóxica creadas ao abeiro da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, de recente creación: que non transcorresen máis de cinco anos desde a data de inscrición no Rexistro Mercantil, ou rexistro de cooperativas competente, da escritura pública de constitución, con carácter xeral, ou de sete no caso de empresas de biotecnoloxía, enerxía e industriais, e que reúna as condicións especificadas nese artigo respecto da innovación e escalabilidade.
Para acceder a estas axudas, as startups deberán cumprir, ademais, polo menos, unha das seguintes condicións no momento de solicitar a axuda:
– Dispor da certificación de ENISA prevista na Lei 28/2022.
– Acreditar a cualificación de Iniciativa de emprego de base tecnolóxica da Xunta de Galicia (EIBT).
– Ter participado nalgún proceso de aceleración en iniciativas con participación pública da Xunta de Galicia no seu desenvolvemento (Viagalicia, BFAuto, BFAero, BFFood, Turislab, Galicia Avanza).
– Acreditar mediante certificado para o efecto emitido polo centro de orixe o carácter de Spin-off das universidades, dos centros de formación profesional ou de centros tecnolóxicos.
– Estar inscritas no Rexistro de Pemes Innovadoras do Ministerio de Ciencia e Innovación.
– Dispor da certificación EA 0047:2015 ou EA 0043:2015 de peme innovadora ou xove empresa innovadora, respectivamente.
– Dispor da marca EIBT de empresa innovadora de base tecnolóxica outorgada pola Asociación Nacional de Centros Europeos de Empresas e Innovación (ANCES).

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará ás 8.00 horas do 2 de xaneiro de 2024 e rematará ás 14.00 horas do 30 de setembro de 2024, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito.