jueves, 7 de diciembre de 2023

OBRADOIROS MULTIDISCIPLINARES DE DIXITALIZACIÓN, SUSTENTABILIDADE E LOXÍSTICA AVANZADA 2024

 INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 2023 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros multidisciplinares de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada para o ano 2024, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300H).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto incentivar a creación de espazos de colaboración entre empresas (mínimo 6) para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na implementación de ferramentas dixitais, desenvolvemento e implantación de procesos ou produtos máis sustentables ou melloras a prol dunha función loxística mais avanzada e sustentable, así como oportunidades de hibridación intersectorial.

Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tal para efectos destas axudas:
a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, clústeres empresariais ou hubs de innovación dixital ao abeiro da Estratexia galega de HID.
b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será desde as 8.00 horas do 2 de xaneiro de 2024 e ata as 14.00 horas do 2 de febreiro de 2024.