AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA
Obxecto1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a adquisición no ano 2024 de vehículos do Plan Renova o teu vehículo por parte de persoas físicas e empresas que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.
2. A concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As solicitudes presentaranse a través dos concesionarios de automóbiles que actuarán como entidades colaboradoras.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os suxeitos que se enumeran a continuación:
a) As persoas físicas con residencia habitual no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias destas axudas:
a) Non poderán ser destinatarios últimos das axudas os concesionarios ou puntos de venda cuxa epígrafe da sección primeira das tarifas do imposto sobre actividades económicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro, sexa o 615.1 ou 654.1.
b) Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Non poderán ter a condición de persoa beneficiaria as empresas en que concorra algunha das causas de exclusión previstas no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola e no artigo 1 do Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xullo de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.
3. Os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.
Forma e prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 15 de setembro de 2024 e para solicitar a súa adhesión a entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de adhesión (anexo II).
2. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 17 de xaneiro de 2024 ás 9.00 horas (inicio do período subvencionable) e rematará o 30 de setembro de 2024 ou cando se esgoten os fondos. A entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de solicitude de axuda (anexo IV).
A adquisición do vehículo obxecto da subvención poderase efectuar a partir do 1 de xaneiro de 2024.
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos para os dous procedementos, a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal), de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).