AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN
Finalidade
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Axencia Galega de Innovación dirixidas aos centros tecnolóxicos consolidados de Galicia para financiar gastos estruturais e de funcionamento, co fin de incentivar a transferencia de resultados da investigación, do coñecemento e das capacidades tecnolóxicas ao mercado. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para o ano 2021 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia non competitiva (código de procedemento IN845A).
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios das axudas os centros de innovación e tecnoloxía da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan a consideración de consolidados.
Teñen a consideración de centros tecnolóxicos consolidados aqueles que figuran inscritos (ou teñen resolución de recoñecemento como centro tecnolóxico ou centro de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal) no rexistro regulado no Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.