viernes, 4 de junio de 2021

IV PREMIO CGAC DE INVESTIGACIÓN E ENSAIO SOBRE ARTE CONTEMPORÁNEA 2021

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE

ORDE do 20 de maio de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do IV Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea, e se convoca para o ano 2021 (código de procedemento CT143A).

Convocatoria e bases reguladoras
Convócase o IV premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea para o ano 2021 e establécense as bases reguladoras polas que rexerá a súa concesión (código de procedemento CT143A).

Finalidade
1. En cumprimento do seu obxectivo de promover o coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea nas súas diversas manifestacións e favorecer a comunicación social das artes plásticas, o CGAC vén desenvolvendo un importante traballo editorial no eido da arte contemporánea, recollendo e documentando tanto as súas actividades e exposicións como a súa colección.
2. Tendo en conta a escaseza actual de canles especializadas en Galicia para publicar textos sobre arte contemporánea, o Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea ten por obxecto contribuír á investigación e produción de pensamento en arte contemporánea, a través da presentación de traballos que sexan inéditos e redactados en lingua galega.

Participantes e requisitos de participación
1. Poderá optar a este premio calquera persoa física, maior de idade, que presente textos inéditos escritos en galego conforme a normativa vixente, en relación con labores de investigación e produción de pensamento en arte contemporánea.
2. Non poderán resultar premiadas as persoas participantes, nas cales concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Os textos que se presenten serán de tema libre, sobre aspectos da arte contemporánea, terán un carácter divulgativo e, na medida do posible, evitarase a utilización dunha linguaxe e unha estrutura excesivamente académica. A extensión dos orixinais abranguerá entre 150.000 e 450.000 caracteres, incluídos os espazos. Na portada do texto indicarase exclusivamente o título e/ou lema. Non deberá figurar ningún dato que poida identificar a persoa participante e, polo tanto, que vulnere o anonimato. O incumprimento deste aspecto provocará a exclusión do proceso.

Presentación das solicitudes e traballos
1. Tendo en conta que as persoas que poden optar a este premio teñen capacidade e medios suficientes para a presentación electrónica, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Prazo de presentación de solicitudes e traballos
O prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte da publicación destas bases e convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2021.