CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE
Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar para o ano 2021 as subvencións ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas cuxa situación se viu agravada como consecuencia da crise ocasionada pola pandemia da COVID-19.
Beneficiarias
Poderán ser destinatarias das subvencións para o desenvolvemento das actuacións reguladas nesta convocatoria as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran as obrigas e requisitos exixidos nesta resolución e normativa xeral de subvencións e, de xeito particular, deben cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Carecer de ánimo de lucro.
c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na comunidade autónoma.
d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
e) Cumprir os requisitos e condicións establecidos nesta resolución e na normativa xeral de subvencións.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.