viernes, 1 de marzo de 2019

PREMIOS DE EXCELENCIA ACADÉMICA AO ALUMNADO DE GRAO UNIVERSITARIO OFICIAL

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, UNIVERSIDADE E FORMACIÓN PROFESIONAL


Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar os premios de excelencia académica de grao co obxecto de incentivar o alumnado do Sistema universitario de Galicia con aproveitamento académico excelente.

Persoas destinatarias
Estes premios destínanse ao alumnado universitario de grao oficial que obtivese as mellores cualificacións no curso 2017/18 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Requisitos para obter os premios
1. Concederase un premio por cada titulación oficial de grao ao alumnado que finalizase os estudos de primeiro, segundo e terceiro curso nas universidades do Sistema universitario de Galicia.
Para o alumnado dos graos oficiais con máis de catro cursos, segundo o plan de estudos das ditas titulacións, estenderase o premio ata o cuarto curso para os graos de 5 anos e ata o quinto curso para o grao de 6 anos.
Para o alumnado dos programas de simultaneidade estenderase o premio ata o penúltimo curso da organización docente.
2. O alumnado deberá cumprir os seguintes requisitos:
a) Non estar en posesión dunha titulación universitaria oficial.
b) Nos graos oficiais será necesario:
• Ter superado no curso académico 2017/18 con aproveitamento excelente a totalidade dos créditos correspondentes ao curso completo, segundo o plan de estudos de cada titulación de grao, e estar matriculado nos mesmos estudos no curso 2018/19 do seguinte curso completo que corresponda segundo o plan de estudos.
• Ter no curso académico 2017/18 a nota media igual ou superior a 8 puntos.
c) Nos programas de simultaneidade de graos para os efectos da obtención deste premio será necesario:
• Ter superado no curso académico 2017/18 con aproveitamento excelente a totalidade dos créditos correspondentes ao curso completo, segundo o seu programa de simultaneidade, e estar matriculado nos mesmos estudos no curso 2018/19 do seguinte curso completo que corresponda segundo o programa de simultaneidade.
• Ter no curso académico 2017/18 unha nota media igual ou superior a 8 puntos.
d) A nota media do curso completo obterase de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito con data 27 de xuño de 2011 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no DOG foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro) e na Resolución do 13 de febreiro de 2012, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se dispón a publicidade do acordo da Comisión de seguimento do protocolo de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración de expedientes académicos.
Para a obtención desta nota media non se valorarán as cualificacións recoñecidas, convalidadas ou adaptadas.
e) Para os efectos da obtención do premio non terán a consideración de materias recoñecidas as superadas en condición de mobilidade regulada a través dun convenio onde conste o recoñecemento para efectos plenos.

Dotación do premio
Cada persoa premiada recibirá unha dotación económica de 1.000 euros e un diploma acreditativo desta distinción.
Procedemento para a determinación dos premios: obrigas das universidades
Os premios outorgaranse de oficio por proposta das universidades do Sistema universitario de Galicia.
A Secretaría Xeral de Universidades requirirá ao órgano competente en materia de xestión académica de cada unha das universidades do Sistema universitario de Galicia, a remisión dos datos correspondentes á persoa coa nota media máis alta en cada un dos cursos da titulación de grao, así como dos programas de simultaneidade de grao, que cumpra os requisitos fixados nesta orde, debidamente certificados.
As universidades, unha vez determinadas as persoas que cumpren os requisitos establecidos, comunicaranlle a súa condición de premiadas, e deberán manifestar estas a súa aceptación expresa segundo o modelo que se publica como anexo a esta orde.
O prazo de remisión do requirimento xunto coa aceptación expresa, aos que se fai referencia nos parágrafos anteriores, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa recepción.