VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Obxecto
Establecer as bases reguladoras e a convocatoria para a realización de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega nas entidades galegas no exterior, dirixidos ás persoas asociadas galegas e aos seus descendentes, así como a aquelas persoas interesadas no feito cultural de Galicia ou que participen nas actividades da asociación.
Entidades beneficiarias
Poderán solicitar a organización dos obradoiros as entidades galegas que estean inscritas no Rexistro da Galeguidade dentro das seccións das comunidades galegas, centros colaboradores, federacións ou aquelas entidades que estean en proceso de unión ou fusión.
Excepcionalmente, por resolución da persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, poderase conceder a organización dun destes obradoiros a aquelas entidades que, estando incluídas dentro do Rexistro da Galeguidade, non se atopen en ningunha das seccións antes mencionadas, sempre que xustifiquen debidamente que contan cun grupo folclórico consolidado.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.