VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Obxecto
Estas axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é proporcionar apoio económico ás persoas beneficiarias citadas no punto anterior, cunha indemnización de axuda directa, co obxecto de garantir que o feito causante (morte da nai ou lesións graves, por mor dunha agresión por violencia de xénero) supoña un menor prexuízo económico para os fillos e fillas orfos e para as propias vítimas gravemente feridas.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, así como aquelas mulleres que resultasen gravemente feridas, con lesións que requiran hospitalización como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero, que no momento dos feitos residan na Comunidade Autónoma de Galicia, e cumpran os seguintes requisitos, segundo o caso:
a) Cada un dos fillos e fillas da vítima mortal da violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, sempre que na data do falecemento da súa nai cumprisen algún dos seguintes requisitos:
– Ser menores de idade e convivir coa nai, independentemente da renda familiar.
– Ser maiores de idade ata 30 anos inclusive, e depender economicamente da nai e/ou do pai agresor. Entenderase que existe dependencia económica cando na data do falecemento as persoas beneficiarias convivisen coa nai e non percibisen rendas, de calquera natureza, que en cómputo anual, superasen 12 mensualidades do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente.
b) As mulleres feridas gravemente, con lesións que requiran hospitalización como consecuencia dunha agresión de violencia de xénero, sempre que na data en que producisen os feitos se cumprisen os seguintes requisitos:
– Ser muller, maior de idade ou emancipada.
– Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo.
– Atoparse nunha situación de precariedade económica. Entenderase que se produce unha situación de precariedade económica cando os ingresos da unidade familiar de convivencia a que pertenza a beneficiaria divididos polo número de membros que a compoñen non superen o importe do IPREM vixente.
– Resultar gravemente ferida, con lesións que requiran hospitalización por causa de violencia de xénero.
2. Estas axudas de indemnización recollidas recoñeceranse cando o feito causante se producise con posterioridade ao 1 de xullo de 2018.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2019.