martes, 26 de marzo de 2019

CONCURSO SOBRE CONSUMO RESPONSABLE E CALIDADE DE VIDA CONSUMÓPOLIS-14

INSTITUTO GALEGO DO CONSUMO E DA COMPETENCIA


Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar e regular a fase autonómica do concurso escolar 2018-2019 Consumópolis-14 sobre consumo responsable e calidade de vida, que leva por título «Pola túa seguridade, Sabes o que consomes?» (código do procedemento IN114A).
2. O concurso consta de dúas partes: o percorrido pola cidade virtual de Consumópolis e o deseño, elaboración e exposición dun traballo en equipo sobre consumo responsable.
3. A primeira parte do concurso consiste na realización do percorrido pola cidade virtual de Consumópolis, que se desenvolve a través do sitio web www.consumopolis.es.
4. A segunda parte do concurso consiste no deseño, elaboración e presentación dun traballo conxunto sobre consumo responsable.

Participantes
1. Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas que cursen estudos de 5º ou 6º de educación primaria ou 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria en calquera centro docente da Comunidades Autónoma de Galicia.
2. Cada alumno ou alumna participante só poderá formar parte dun equipo. Os equipos deben procurar a paridade, polo que se procurará que cada equipo non teña máis de tres membros do mesmo sexo.
3. Cada equipo debe estar coordinado por un docente do centro. Un mesmo docente poderá coordinar máis dun equipo no seu centro.
4. Non existe límite para o número de equipos que se poden formar en cada centro docente.

 Prazo de presentación
O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 29 de abril de 2019.