viernes, 1 de marzo de 2019

AXUDAS Á VALORIZACIÓN E Á SEGUNDA TRANSFORMACIÓN DAS PEQUENAS E MEDIANAS EMPRESAS DA INDUSTRIA FORESTAL GALEGA E DO CONTRACT

AXENCIA GALEGA DA INDUSTRIA FORESTAL


Obxecto
1. Poderán ser subvencionables os proxectos de investimento realizados polas pequenas e medianas empresas descritas no artigo 2 desta resolución nos seus procesos de produción e que teñan como obxectivo aumentar a súa produtividade ou a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados ou procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental.
2. Considéranse subvencionables os seguintes investimentos:
a) Compra de maquinaria nova vinculada aos procesos de produción da empresa, así como para os procesos de secado da madeira.
b) Obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención.
c) Tecnoloxías da información e comunicación (TIC).
d) Outros bens de equipamento que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto.
e) Implantación e certificación da cadea de custodia de madeira certificada, de normativas de calidade e plans de mellora de xestión empresarial.

 Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas do sector da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira, a resina, a cortiza ou outras materias de orixe forestal, exceptuando os produtos agroalimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos. A estes efectos, tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.
2. As empresas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:
1º. Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do seu importe ou comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.
2º. Certificación bancaria de dispoñibilidade líquida na conta por importe do investimento.
3º. Vendas por importe superior ao triplo do investimento (na declaración do IVE do último exercicio pechado na data de publicación da convocatoria –modelo 390 ou modelo 303 do último mes do ano–, segundo proceda).
4º. Estudo de viabilidade asinado por profesional independente cualificado, que contará, como mínimo, cun plan económico financeiro, que inclúa conta de resultados previsional na que se analice o impacto dos novos investimentos, plan de tesouraría previsional e balances previsionais, incluíndo unha descrición das hipóteses que sustenten as previsións.
b) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de axuda e, no suposto de ser exixible, un contrato de prevención de riscos laborais en vigor na data de publicación da convocatoria.
c) Deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de conformidade co Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, ou dados de alta nalgún código CNAE que acredite a realización de actividades obxecto de subvención na data de publicación da convocatoria.
3. Así mesmo, as persoas solicitantes con persoal contratado por conta allea en número igual ou superior a tres traballadores, deberán ter, polo menos, na data de publicación da convocatoria o 33 % do cadro de persoal da empresa con contratos por conta allea e tempo indefinido. Para as empresas de nova creación, entendendo como tales as creadas dentro dos 12 meses anteriores á data de publicación da convocatoria, bastará o compromiso de acadar, como mínimo, o 33 % de estabilidade laboral ao remate do prazo concedido para xustificar o investimento. As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acadar a mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, de ser o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione. O persoal en réxime de autónomos non computará para os efectos do cálculo das porcentaxes de estabilidade de emprego recollidas nesta resolución.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.