CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas económicas ás familias con nenos e nenas menores de doce anos que teñan a súa residencia en Galicia e precisen dun recurso para cubrir as necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e das responsabilidades familiares que se produzan entre o 1 de outubro de 2018 e o 30 de novembro de 2019 (código de procedemento BS412A), así como realizar a súa convocatoria.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarios/as das axudas do programa Bono coidado os pais/nais, titores/as ou as persoas que teñan en situación de acollemento familiar ou garda preadoptiva nenos/as menores de doce anos residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que estean nos supostos seguintes:
a) Ter unha nena ou un neno nada/o con posterioridade ao 31 de decembro de 2006 cando o servizo para o cal se solicita axuda se recibise no último trimestre do ano 2018, e con posterioridade ao 31 de decembro de 2007 para aqueles que se reciban durante o período subvencionable do ano 2019.
b) Que a renda da unidade familiar, entendida como a suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro non supere os 45.000 € ou os 13.500 € per cápita. Para estes efectos, terase en conta a declaración do IRPF do ano 2017.
Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 31 de agosto de 2019.
Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.