VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Obxecto
Estas bases regulan a concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior (procedemento PR811A).
Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte a iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés), aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises –provocadas por seres humanos ou por desastres naturais–, así como os destinados á prevención e ao reforzo da capacidade de resposta e a resiliencia para cando se produzan estas situacións.
A acción humanitaria debe guiarse polos principios de humanidade, imparcialidade, neutralidade e independencia.
Entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais que estean inscritas na sección A: organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e que teñan entre os seus fins o desempeño de actuacións de acción humanitaria ou que demostren contrastada experiencia neste sector.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.