AXENCIA TURISMO DE GALICIA
Obxecto
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Turismo de Galicia, para os procesos de certificación de normas UNE que conduzan á certificación, seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística do Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE).
2. Consideraranse actuacións subvencionables as dirixidas á mellora da calidade turística: procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación da marca de Calidade Turística Q do ICTE, correspondentes ao ano 2017 e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2017.
3. Os conceptos obxecto desta axuda son aqueles procedentes de colaboracións externas e servizos asociados aos procesos de certificación cuxos custos sexan soportados directamente polos establecementos:
• Custos de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema, facturados por entidade auditora acreditada polo ICTE para a realización da auditoría de certificación, seguimento ou renovación. Só se terán en conta as xustificacións de gasto con data da auditoría de certificación posterior, quedan excluídos os gastos xerados polo persoal dependente dos establecementos, así como aqueles gastos en que incorra o solicitante durante o proceso de implantación da correspondente norma UNE. Os importes obxecto de subvención serán os derivados, exclusivamente, dos custos de auditoría do ano 2017.
• Custos derivados dos dereitos de uso da marca Q no ano 2017, unha vez acadada a certificación, seguimento e/ou renovación do establecemento, facturados polo ICTE ao establecemento.
Só se procederá ao pagamento da axuda no caso do logro efectivo da certificación correspondente, que se deberá acreditar de xeito fidedigno ante a Axencia Turismo de Galicia. Non se pagará, en ningún caso, a axuda sen esta condición.
4. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
Beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas, as persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teña inscrito conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), a actividade turística para a que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
Os anteditos beneficiarios deben estar comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.
Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.
Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir coa documentación achegada polo solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.
2. Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarios aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.
4. Unha vez recaída a resolución de concesión, os cambios na persoa titular do establecemento subvencionado terán que ser previamente autorizados pola Administración concedente, e darán lugar á modificación da resolución de concesión nos termos do disposto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O novo titular subrogarase na posición xurídica de beneficiario da subvención.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.