lunes, 15 de mayo de 2017

AXUDAS PARA O FOMENTO DA CONTRATACIÓN DOS SEGUROS AGRARIOS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 3 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2017.

Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios incluídos no Plan de seguros agrarios combinados para o exercicio 2017 e convocalas para o mesmo ano, ao abeiro do previsto no Decreto 332/1995, do 27 de decembro, polo que se establecen na Comunidade Autónoma galega axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios.
Persoas beneficiarias
1. A Consellería do Medio Rural concederá estas axudas en forma directa aos agricultores e poderán ser beneficiarios delas os asegurados titulares de explotacións agrarias situadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2017 e liñas gandeiras dos plans 2016 e 2017, formalizadas no 2017, e cumpran o establecido no Decreto 332/1995 e nesta orde. Tamén poderán ser beneficiarios das axudas outorgadas nesta orde os titulares de explotacións de acuicultura continental.
2. As subvencións a que fai referencia esta orde non serán de aplicación nas pólizas de seguros contratadas por grandes empresas e empresas dedicadas á transformación e comercialización de produtos agrícolas, de conformidade co establecido nas vixentes directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal.
Prazo de presentación de solicitudes
Nos anexos I e II da orde establécense as datas de inicio de subscrición de pólizas de seguro correspondentes ás diferentes liñas de seguro que compoñen o Plan de seguros agrarios.
A formalización da declaración do seguro considerarase solicitude de axuda, sempre que se realice dentro dos períodos de subscrición establecidos pola normativa do plan anual vixente establecido polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e, ademais, se cumpran os distintos puntos referentes á subvención que se conteñan na declaración do seguro. En todo caso, na declaración do seguro especificarase, na parte de subvencións para comunidades autónomas, a expresión literal de «subvención da Comunidade Autónoma de Galicia».
A contratación da póliza de seguro constitúe unha declaración do asegurado de que reúne os requisitos exixidos nas normas reguladoras sobre subvencións e axudas públicas, de acordo cos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de que non foi obxecto de resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro ou que, de ser o caso, se realizou o correspondente ingreso, e que dispón dos documentos que xustifican o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde para a concesión das subvencións.
En aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a contratación da póliza de seguro polo solicitante implica a autorización deste para que o órgano concedente obteña a acreditación do cumprimento dos ditos requisitos a través de certificados telemáticos, salvo denegación expresa daquel.