CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA
Finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión da prórroga das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal 2013-2016, código de procedemento VI432A.
2. Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria da prórroga destas axudas.
Persoas beneficiarias
Poderán beneficiarse desta prórroga aquelas persoas que obtivesen unha subvención ao abeiro da Resolución do 7 de xaneiro de 2015 pola que se convocaron as subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal 2013-2016, e que gozasen desta axuda ata o 31 de decembro de 2016, así como aqueloutras persoas ás cales se lles recoñecese con posterioridade unha prórroga desta axuda en virtude da Orde do 18 de xullo de 2016. Será preciso que nun e noutro caso non perdesen o seu dereito ao cobramento da axuda mediante a oportuna resolución.
Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:
1. Que sexan titulares, en condición de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda e, pola súa vez, esta constitúa a súa residencia habitual e permanente.
2. Que o límite de ingresos da súa unidade de convivencia non exceda 3 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM).
3. Que as persoas membros da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
4. Que non estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. Que a renda mensual da vivenda que teñen alugada non supere os seguintes límites:
1) 600 euros, se a vivenda está situada nalgún dos seguintes concellos: A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra.
2) 500 euros, se a vivenda está situada nalgún dos seguintes concellos: Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo; Burela, Cervo, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro; Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia; A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
3) 400 euros, se a vivenda está situada en calquera outro concello de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
As solicitudes deberán presentarse dentro dos 30 días naturais seguintes ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.